Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aragonès reúnese con Illa para trasladarlle os principais retos de Cataluña

Aragonès reúnese con Illa para trasladarlle os principais retos de Cataluña

O presidente da Generalitat saínte reuniuse este venres co presidente electo para o traspaso de poderes

Illa tomará posesión como novo presidente da Generalitat este sábado ás 12

G24.gal 09/08/2024 14:25

O presidente da Generalitat saínte, Pere Aragonès, reuniuse este venres co presidente da Generalitat electo, Salvador Illa, para o traspaso de poderes e trasladarlle "algúns dos principais cartafois e retos" que ten actualmente Cataluña sobre da mesa.

Despois de que onte Illa fora investido presidente da Generalitat cos votos do PSC, ERC e Comuns, hoxe ás 11 da mañá acudiu ao Palau da Generalitat para a reunión institucional de traspaso de poderes con Aragonès, que durou preto de dúas horas.

"Da mesma maneira que fixo durante toda a lexislatura, a vontade do presidente Aragonés é dar continuidade á defensa e o prestixio da institución da Presidencia da Generalitat, e por iso quixo facer un bo traspaso para que, desde do primeiro día, o novo Govern poida traballar para a cidadanía de Cataluña nas mellores condicións posibles", sinalou o Govern nun comunicado.

Entre os temas que Aragonés compartiu con Illa atópase o escenario macroeconómico de Cataluña para os próximos anos e o estado das finanzas da Generalitat; o estado das relacións Generalitat-Estado; os principais retos no ámbito da seguridade que deberá afrontar Cataluña e as relacións coa Unión Europea.

Nos últimos días, Aragonès manifestou que o seu goberno deixou ao executivo entrante unha Cataluña mellor da que el se atopou en 2021, "con máis ferramentas, máis recursos, máis ámbitos de poder e de xestión, e con acordos políticos de fondo que, na súa implementación, supoñerán un salto adiante na soberanía" de Cataluña.

Salvador Illa valorou onte no seu discurso de investidura a acción do Goberno presidido por Pere Aragonès.

Illa tomará posesión como novo presidente da Generalitat este sábado ás 12

O presidente da Generalitat electo, o socialista Salvador Illa, tomará posesión do cargo mañá nun acto que se celebrará ás doce do mediodía no Salón Sant Jordi do Palau da Generalitat.

O presidente do Parlament, Josep Rull, lerá o real decreto de nomeamento e, a continuación, o presidente saínte, Pere Aragonès, impoñerá a medalla do cargo a Illa, quen pechará o acto co seu parlamento, xa como 133 presidente da Generalitat de Catalunya, informou este venres a institución nun comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade