Arranca a autoestrada do mar entre Vigo e Liverpool

A navieira Suardiaz pon en marcha unha liña regular que transportará pezas fabricadas en Stellantis á factoría británica da multinacional

A liña será bisemanal e moverá uns 150 millóns de euros anuais en mercadorías

G24.gal 26/10/2023 16:39

A planta británica de Stellantis en Ellesmere Port, Liverpool, comezará a recibir o 86 % dos compoñentes que necesita para a fabricación de 50.000 vehículos anuais por vía marítima grazas a liña directa que desde este xoves a conecta co porto de Vigo.

O primeiro destes buques de carga, o Friedrcih Ruus, partirá mañá venres desde Vigo e este xoves celebrárono cun acto oficial a Autoridade Portuaria de Vigo, a navieira viguesa Suardiaz, encargada de operar a liña, o Clúster de Automoción e Movilidad de Galicia (Ceaga) e o propio Grupo Stellantis, coa presenza do director da factoría de Vigo, Ignacio Bueno.

“Este é o colofón que pon en marcha o lanzamento industrial que desde Stellantis se planificou desde 2021 para fabricar as furgonetas eléctricas tamén en Inglaterra”, dixo Bueno durante o acto, onde ademais especificou que a liña será bisemanal e que moverá uns 150 millóns de euros anuais en mercadorías.

Trátase de pezas fabricadas pola propia factoría de Stellantis en Vigo e 16 provedores da contorna. Ignacio Bueno convidou a industria auxiliar da zona a unirse a esta liña para abaratar custos de transporte, xa que, segundo dixo, a intención é posibilitar que o tecido industrial galego se beneficie tamén desa produción adicional que supón a fabricación en Inglaterra.

Suardiez e Stellentis traballan conxuntamente desde 1973 en rutas marítimas desde que se puxo en funcionamento a liña Vigo-Saint Nazaire, en Francia, que este ano fai o seu 50 aniversario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade