Arranca na Coruña BioCultura, o maior escaparate de produtos ecolóxicos
Arranca na Coruña BioCultura, o maior escaparate de produtos ecolóxicos
En Galicia hai máis de 1.500 operadores certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica
Seis de cada dez galegos consomen produtos ecolóxicos, un sector que non deixa de medrar. E para darlles resposta en Galicia hai máis de 1.500 operadores certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.
En Bubela Artesá fabrican cervexa e pasta. Francisco Fernández é socio nesta iniciativa empresarial e explica que "ecolóxica supón que toda a materia prima está libre de pesticidas e agrotóxicos, coida o solo, non se perde fertilidade, non se contamina acuíferos"
Segundo o último balance do Consello Regulador galego o sector superaba os 113 millóns de facturación. Referentes na produción de alga, mel ou leite.
Marta Álvarez, socia da Cooperativa de Mulleres das Vacas da Ulloa di que reivindican o seu traballo como gandeiras "facemos leite e iogur en envase retornable, que é moi importante nestes tempos, envase de vidro retornable".
Certificados tamén en destinos de ecoturismo, o modelo que más medrou nos últimos anos no sector.
O Xerente de sustentabilidade turística da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López destaca que "todo este turismo está operado cen por cento por empresas locais co que é unha ferramenta de desenvolvemento social e económico e de dinamización do rural".
O ecolóxico xa é máis que un estilo de vida. Chega á moda, á construción ou á cosmética.
Un exemplo témolo na protección solar que fai Almalgama Silvestre. Andrea Fernández conta que conseguiron "o SPF 50. Usamos augas medicinais da zona de Mondariz, cera de abellas de produtores locais e un extracto de algas que se fixo en Galicia con algas galegas".
Ata o domingo agardan que pasen pola Feira BioCultura, en EXPOCoruña, máis de 13.000 visitantes.