Arrimadas retará a Bal se non retira a candidatura para liderar Ciudadanos
Arrimadas retará a Bal se non retira a candidatura para liderar Ciudadanos
A líder do partido avoga por unha lista de unidade e admite discrepancias ideolóxicas
Bal insiste en que Arrimadas debe "dar un paso a un lado"
Inés Arrimadas cre que o anuncio da candidatura de Edmundo Bal para liderar Ciudadanos xerou preocupación e desconcerto entre os militantes.
Advirte do risco de batalla campal na asemblea de xaneiro, e por iso o insta a renunciar aos seus plans e integrarse na súa lista de unidade. Do contrario, plantará cara.
A Presidenta de Ciudadanos avisa que "so no caso de que Edmundo non recapacite e non retire a súa candidatura, presentarei a miña lista á asemblea do 15 de xaneiro".
Oído o ultimato, Bal respondíalle a Arrimadas que, se quere unidade, se integre na súa lista, pero xa non como líder.
O vicesecretario xeral de Ciudadanos cre que "non pode refundar o partido quen acaba de ser o líder do partido. Penso que Inés debe dar un paso a un lado. Penso que Inés é un valor poítico moi importante neste partido que debe quedar neste partido pero non na posición de líder".
Bal cre que non ten sentido agardar ata xuño para decidir o nome do candidato ás xerais, fronte ao criterio de Arrimadas de centrarse agora nas municipais e autonómicas.
A disputa fixo aflorar discrepancias ideolóxicas: Arrimadas admitiunas en leis como a trans ou a do só si é sí, mentres que Bal critica que o partido pareza de dereitas e defende os pactos aos dous lados do espectro.
No medio da liorta, o coordinador xeral do PP lembrou aos descontentos de Ciudadanos que teñen abertas as portas do seu partido.