As abondosas chuvias devólvenlle a bravura á fervenza do Ézaro
As abondosas chuvias devólvenlle a bravura á fervenza do Ézaro
Tras un salto de corenta metros de altura, as augas do río Xallas fúndense coas do océano Atlántico neste punto
As abondosas choivas que acompañaron as borrascas desta semana están a recuperar unha estampa moi desexada por moitos: o río Xallas precipitándose en forma de fervenza no Ézaro, no concello de Dumbría.
Limitada a maior parte do ano polo encoro de Santa Uxía, estes días a fervenza amósase en todo o seu esplendor a propios e estraños, ao abrir o desaugadoiro da auga represada, que nestes momentos alcanza o cen por cento da capacidade do encoro.
Tras o salto de corenta metros de altura, as augas do río Xallas fúndense coas do océano Atlántico aos pés do lendario monte Pindo, presumindo de ser a única fervenza en toda Europa que acaba esmorecendo no mar.
Ademais do marabilloso emprazamento, o Ézaro é un tratado xeolóxico vivente, que ilustra coa súa morfoloxía o que é o nacemento sen completar dunha ría, como as que pincelan a maior parte da xeografía galega.