Publicador de contidos
Publicador de contidos

As auroras boreais tinxen de rosa o ceo galego

As auroras boreais tinxen de rosa o ceo galego

Unha intensa tormenta solar permitiu ver o fenómeno en latitudes baixas

Xa se puideron ver en maio, e os expertos cren que pode haber máis este ano

 

G24.gal 11/10/2024 14:39

José Ramón aforraba para ir a Noruega e ver auroras boreais. Pero o soño cumpriuse antes de tempo, por sorpresa e a poucos minutos da casa, en Vila de Cruces.

"Quería ir ao norte para velas e non fixo falta. Foi unha sorpresa, a simple vista xa se vían, chamei a muller e as fillas, e empecei a facer fotos desde as once da noite ata a unha da madrugada", comenta o fotógrafo afeccionado José Ramón Moire.

Desde A Coruña ata o observatorio astronómico de Pena Trevinca, pasando por Ferrol, O Grove ou Abadín. O ceo tínguese de rosa, vermello e morado nun espectáculo do que gozaron especialmente os amantes da fotografía e da astronomía.

"O sol, ademais de calor e luz, emite partículas constantemente que chamamos vento solar. Ese vento interacciona coas moléculas da atmosfera e provoca as auroras", explica José Ángel Docobo, profesor emérito de Astronomía na USC.

Normalmente, as auroras só son visibles preto dos polos. Pero cada once anos, cando o sol entra nun nivel máximo de actividade, as partículas poden chegar a verse en latitudes baixas. 

"Xa se viron en maio en Galicia, e seguramente a de onte non sexa a última. O sol está nese momento de máxima actividade que pode durar ata mediados do ano que vén, así que non é descartable que se volvan repetir", engade o profesor Docobo.

Así que non saquen a vista do ceo nin das aplicacións que as anuncian porque, como queda patente nas imaxes que hoxe inundan as redes, o espectáculo paga a pena.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos