Enchente de ríos, estradas asolagadas, accidentes sen feridos: incidencias sen fin nun novo día de borrasca

A Xunta activa o plan contra posibles desbordamentos en ríos do sur de Pontevedra e Ourense

Un desprendemento de terra obriga a desaloxar un edificio en Vigo

Frota amarrada e escaseza de peixe no mercado polo temporal

As borrascas non dan tregua (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 26/10/2023 11:12 Última actualización 26/10/2023 15:21

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para este xoves a alerta laranxa por choiva no interior da provincia de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso desde esta medianoite espérase que deixe unha precipitación acumulada en 12 horas duns 80 litros por metro cadrado.

O resto do territorio galego queda en alerta amarela, con precipitacións de 40 mm en 12 horas que poden chegar aos 60 l/m2 no interior e suroeste da Coruña e no litoral pontevedrés.  

Tamén estará activada a alerta amarela por vento, con fortes refachos no interior da Coruña, noroeste, Miño e sur de Ourense, e no interior de Pontevedra.

Incidencias na provincia de Pontevedra

Estradas con balsas de auga e rúas asolagadas foron as primeiras incidencias que deixan as crecidas dos ríos en municipios do sur Pontevedra.

En Gondomar no contorno do mercado unha ducia de vehículos sufriron importantes inundacións. En Caldas asolagouse o Paseo da Tafona e había moita precaución no contorno do río Bermaña. A apertura do encoro da Baxe foi o causante dalgunhas inundacións.

En Mondariz e Ponteareas, a subida do caudal do Tea provocou inundacións nas rúas. Aínda que polo momento non foron de moita intensidade, a auga si entrou polos baixos dalgunhas vivendas.

No caso do Rosal, un particular avisou da subida do río Tamuxe. A todo iso súmanse incidencias máis habituais, como caídas de árbores nas vías de circulación.

Ademais un avión procedente de Madrid tivo que volver á capital a pasada noite, polo que tampouco puido engalar cara a Madrid esta mañá.

Accidentes sen feridos na Coruña

As intensas e constantes chuvias causaron incidencias na provincia da Coruña. Unha das máis salientables foi un accidente na autoestrada AP-9, á altura do Burgo, en Culleredo. Houbo grandes retencións ao saír da vía un vehículo que acabou batendo sobre o seu lado dereito.

Non foi o único sinistro. A Policía Local da Coruña informaba doutros tres accidentes na cidade que tamén se saldaron sen feridos.

Por momentos, algunhas rúas quedaron convertidas en regatos e noutras formáronse grandes balsas de auga.

Con todo, onde máis choveu foi no sur da provincia. Desde que comezou este episodio de chuvias, onte á tarde, e ata este mediodía, en Rois, por exemplo, acumuláronse 145 litros por metro cadrado, e en Melide 79 litros por metro cadrado. Tamén no oeste, en Vimianzo houbo acumulacións de 73 litros por metro cadrado.

Vixían varios ríos de Ourense

En Baños de Molgas, todas as miradas van para o río Arnoia. "Un ruído... desde a miña casa, o ruído parecía a fin do mundo". "Toda a noite chovendo, horrible, un senvivir toda a santa noite", comentan dúas veciñas mentres miran para o río.

Xa vai dous metros por riba do habitual e segue crecendo. Inunda leiras, paseos fluviais, as instalacións deportivas e de lecer e mesmo obrigou a cortar a estrada que conduce ao santuario dos Milagres.

Os técnicos de augas andan moi pendentes da evolución ante o risco de turbidez na auga de consumo. 

En Ribadavia tamén están pendentes do caudal do Avia, e a Xunta acaba de activar o plan especial ante o risco de desbordamentos nos ríos Támega e Caldo, á parte do Arnoia. Pero onde máis choveu de toda Galicia estas últimas horas, aparte da alta montaña, é en Entrimo, que sobe xa dos 90 litros por metro cadrado.

"Basta mirar o río para ver a auga que caeu, porque isto no verán é un regato. Leva caído moitísima auga. Esta noite foi tremendo, tremendo", dicía Amadeo Rodríguez, de Protección Civil de Entrimo.

Unha situación que obriga a extremar as precaucións sobre todo nas estradas. A chuvia e a escasa visibilidade están detrás dun atropelo, afortunadamente leve, ocorrido na cidade de Ourense a primeira hora da mañá.

Alerta laranxa por temporal na costa da Coruña e Pontevedra

A Xunta activou para esta tarde unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

O fenómeno meteorolóxico por vento comezará a partir das 18:00 horas e afectará toda a costa da Coruña e ás Rías Baixas de Pontevedra.

Espérase vento do oeste ou suroeste de forza 7, que pode chegar a forza 8 entre Ortegal e Bares, así como mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 7 metros.

No resto do litoral, a alerta será de nivel amarelo por ventos do suroeste forza 7 e ondas de ata 5 metros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, como diques e paseos marítimos. Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade