As conserveiras poderían parar a produción a partir do vindeiro luns
As conserveiras poderían parar a produción a partir do vindeiro luns
A industria transformadora está desabastecida de materias primas
Sen peixe, sen aceite e sen envases, as conserveiras están ao límite. A patronal Anfaco prognostica un paro total do sector a partir do luns se a folga non se desconvoca.
Agora mesmo a permanencia do sector depende da súa propia capacidade de almacenamento, xa que levan varios días sen recibir subministracións, pero tampouco poden baleirar os seus almacéns de produto elaborado. Así que nestes intres, a maioría das industrias conserveiras galegas están estudando como afrontar a parada da produción a partir da semana que vén.
Nunhaa empresa do polígono arousán do Pousadoiro tiveron que reorganizar o traballo. Como xa anunciaron outras conserveiras, xa non poden aguantar máis.
O peixe que non chega á industria nin aos mercados pérdese nos almacéns portuarios. Nos frigoríficos do porto da Coruña e de Vigo apenas poden conservalos un par de días.
Ao comezo da cadea, na pesca, o paro do transporte súmase á súa propia protesta polos custes enerxéticos.
A Cooperativa de Armadores de Vigo xa estima perdas dun millón de euros só coas capturas do Gran Sol.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo esta mañá na lonxa de Ribeira para coñecer de primeira mán a situación pola folga do transporte. Quintana atopou unha lonxa completamente baleira, algo que se repite, dixo, na maioria de lonxas.
A conselleira considera fundamental garantir a chegada do peixe ao mercado e pide á Delegación do Goberno protección para os transportistas que queiran traballar. E lembrou que o sector non pode agardar ata o día 29 para saber as medidas que vai adoptar o Goberno central.