Detonacións equivalentes a "centos de quilos" de explosivos nos Nord Stream
Detonacións equivalentes a "centos de quilos" de explosivos nos Nord Stream
Entre o domingo e o martes pasados os servizos sísmicos daneses rexistraron explosións cun valor de 2,3 e 2,1 na escala de Richter
Máis da metade do gas da tubaxe xa saíu, así que a fuga podería deterse o domingo
Putin responsabiliza aos Estados Unidos da sabotaxe
As catro fugas detectadas nos gasodutos rusos Nord Stream 1 e 2 foron provocadas por detonacións equivalentes a "centos de quilos" de explosivos, segundo unha carta enviada polos gobernos de Suecia e Dinamarca ao Consello de Seguridade da ONU.
A carta, difundida por medios daneses, destaca que entre o domingo e o martes pasados os seus servizos sísmicos rexistraron explosións cun valor de 2,3 e 2,1 na escala de Richter en augas do Báltico, preto da illa danesa de Bornholm.
Os datos fixéronse públicos antes da reunión que celebrará na noitiña deste venres o Consello de Seguridade da ONU a petición de Rusia.
Dinamarca e Suecia abriron senllas investigacións, que avanzan con lentitude debido a que segue saíndo gas das tubaxes.
A Dirección Xeral de Enerxía danesa informou hai dous días de que saíra máis da metade do gas e que o fluxo podería deterse este domingo, o que permitiría unha inspección submarina.
Putin acusa da sabotaxe aos Estados Unidos sen nomealos
O presidente de Rusia, Vladímir Putin, acusou este venres a países "anglosaxóns" de estar detrás da sabotaxe dos gasodutos
"As sancións non son suficientes para os anglosaxóns, pasaron a unha sabotaxe incrible, pero isto é un feito, organizando explosións nos gasodutos internacionais de Nord Stream, que se estenden polo fondo do mar Báltico", dixo Putin.
"Fíxoo o que se beneficia, por suposto", dixo nunha referencia indirecta a EEUU.