As glamurosas fotografías de Manuel Outomuro, expostas en fachadas da Merca
As glamurosas fotografías de Manuel Outomuro, expostas en fachadas da Merca
Actrices do nivel de Nicole Kidman, Penélope Cruz ou Juliette Binoche conviven cos veciños do concello ourensán da Merca nunha singular exposición
A mostra, do fotógrafo Manuel Outumuro, exhíbese en fachadas de casas vellas, muros, portas e ventás
Ata os populares canastros da Merca serven como espazo expositivo
"Fíxome nelas. Son moi bonitas. Pero non sei de quen son, nin quen son elas, nin nada". "Eu vou á farmacia e fixeime nelas porque mo dixeches ti, pero non sei nada delas. Quen puxo esa foto?", comentan dous veciños da Merca.
A mostra de Manuel Outomuro na súa localidade natal da Merca acaba de inaugurarse e a información aínda non chegou a todos os veciños, impresionados e sorprendidos polas fotografías que, de repente, adornan as rúas.
"Veño por aquí moitas veces en bicicleta e soprendeume. Ademais, non ten título nin ten nada". "Lástima non viñeran tamén á miña aldea, que me gustaría", sinalan un ciclista que pasa por alí e máis unha veciña.
Ana de Armas mira, abstraída, desde unha ventá, sobre a fachada da Casa da Cultura, a primeira parada desta ruta fotográfica. María de Medeiros asoma desde a porta que dá a un vello corredor, con Mónica Belucci en fronte, cegada polo sol da mañá. E, á sombra, é Ana Belén quen lles sorrí aos camiñantes.
Son en total 15 fotografías repartidas por todo o núcleo urbano, incluído o singular conxunto de canastros da Merca, desde onde nos contempla Carmen Maura nun retrato realizado para a revista Fotogramas no ano 1998.
A Nicole Kidman reservoulle o autor un lugar especial: a porta da que foi a súa casa natal, onde viviu ata os dez anos.
Manuel Outumuro, autor das fotografías: "Por moito mundo que percorrera, moito glamour que fotografiara, o que quedou deses dez anos, esa pegada, non se pode borrar".
A mostra poderase visitar ata o 10 de xaneiro do ano que vén.