Publicador de contidos
Publicador de contidos

As Illas Atlánticas lideran un proxecto europeo para a recuperación da paisaxe

As Illas Atlánticas lideran un proxecto europeo para a recuperación da paisaxe

O programa actuará sobre as dunas costeiras e as matogueiras, eliminará especies invasoras e aplicará medidas de protección fronte ás actividades humanas, nun proxecto  no que participan España e Irlanda

G24.gal 09/06/2022 15:00

Na mesma semana en que institucións, empresas e sociedade civil asinaron a Alianza Galega polo Clima, a Xunta acaba de aprobar un programa para protexer un dos ecosistemas máis valiosos, o das Illas Atlánticas.

"Pretendemos facelas máis resistentes ao cambio climático, restaurar a súa paisaxe para recuperar a situación que tiñan hai 70 anos e que se foi degradando por diversas razóns, entre elas a presenza humana", explicou Alfonso Rueda.

'Life Insular' é un proxecto transnacional que se desenvolverá nas Cíes, Ons e Sálvora, amais da Graciosa e outras illas irlandesas. O presidente da Xunta destacou que "Participan España e Irlanda, pero céntrase nas illas galegas, por iso o lidera Galicia. Cando remate este plan ambicioso, de máis de cinco millóns de euros, estableceremos un plan de conversación".

O programa actuará sobre as dunas costeiras e as matogueiras, eliminará as especies invasoras e aplicará medidas de protección fronte ás actividades humanas, limitando o tránsito nalgunhas zonas das Illas Atlánticas.

Non obstante, non vai afectar ás cotas xa establecidas para visitar o Parque nacional marítimo terrestre.

Muller e ciencia

O Goberno galego tamén aprobou este xoves o terceiro programa Muller e Ciencia. O seu obxectivo é conseguir a igualdade de oportunidades no eido científico, fomentar o talento feminino e animar as mozas a apostar polas carreiras tecnolóxicas.

Dotado con case 45 millóns de euros, o programa pretende que ata o 2025 se incorporen 600 mulleres ao ámbito investigador, e que 30 ascendan a postos directivos en empresas do sector.

Innovación empresarial

E outra iniciativa vai permitir que empresas galegas creen os seus propios departamentos de I+D. O programa de axudas aprobado pola Xunta é pioneiro en Galicia. Achega dez millóns de euros para seleccionar tres proxectos que serán complementados financeiramente polos beneficiarios.

Están dirixidas a empresas galegas que vaian cear un centro propio de I+D na comunidade. O obxectivo é impulsar a innovación e a contratación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade