As pensións contributivas subirán un 2,8 % en 2025
As pensións contributivas subirán un 2,8 % en 2025
De media, os que perciban 1.441 euros ao mes pasarán a cobrar 41 euros máis, arredor de 565 euros máis ao ano
O Goberno confirma a suba tras coñecer o dato adiantado da inflación de novembro
As pensións contributivas subirán previsiblemente un 2,8 % en 2025, unha vez adiantado o dato de inflación de novembro (2,4 %), que permite avanzar o cálculo da revalorización para o ano que vén.
O 2,8 % é a subida que se aplicará de forma xeral ás pensións contributivas, mentres que as mínimas e non contributivas terán que incrementarse por encima desa cifra, tal e como se recolleu no último bloque da reforma das pensións.
Segundo datos do Ministerio de Inclusión, a revalorización supoñerá que un pensionista que perciba unha pensión de 1.441 ao mes (a pensión media de xubilación) pasará a recibir 1.481 euros mensuais en 2025, o cal supón un incremento anual de 565 euros ou de 41 euros mensuais.
Este incremento beneficia os preto de 9,3 millóns de persoas que reciben 10,3 millóns de pensións contributivas, ademais das 720.148 pensións correspondentes ao réxime de Clases Pasivas do Estado, que tamén se revalorizarán co mesmo índice.
De acordo coa reforma de 2021, a revalorización anual das pensións calcúlase coa media das taxas interanuais de inflación dos doce meses anteriores ata novembro. A cifra confirmarase o 13 de decembro, cando se publique o dato definitivo do IPC.
A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións Elma Saiz destacou nunha nota que esta medida "é unha garantía de tranquilidade" e defendeu que a subida da pensión é "xustiza social".