Publicador de contidos
Publicador de contidos

As pensións non son un almorzo gratuíto, por Santiago Calvo

OPINIÓN

As pensións non son un almorzo gratuíto, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 26/11/2024 08:00

A revalorización das pensións contributivas para 2025 terá como base un incremento xeral do 2,8 %, cifra estimada en función do Índice de Prezos de Consumo (IPC) interanual ata o mes de novembro. O dato definitivo da inflación diste mes publicarase este xoves e confirmarase como o parámetro para calcular a subida. No caso das pensións máximas, o aumento será aínda maior grazas á aplicación dun incremento adicional de 0,115 puntos, vinculado ao crecemento das bases máximas de cotización. Estas bases, que representan o límite de ingresos sobre os que se cotiza á Seguridade Social, incrementaranse un 4 % en 2025, o cal proporcionará ingresos adicionais a longo prazo.

O custo total desta revalorización ascenderá a máis de 7.300 millóns de euros, unha cifra que só poderá aplicarse completamente se se aproban os Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano. Isto débese a que o incremento extra das pensións máximas debe estar expresamente incluído na normativa orzamentaria. En caso de non haber orzamentos aprobados, esta parte da reforma quedaría pendente, aínda que podería aplicarse retroactivamente.

Cómpre lembrar que o sistema de pensións se enfronta a un déficit estrutural considerable. En 2023, o déficit alcanzou os 55.919 millóns de euros, o equivalente ao 3,8 % do PIB. Este desaxuste cóbrese con transferencias do Estado, que superaron os 44.000 millóns de euros, e con préstamos por un valor adicional de 10.000 millóns. Ademais a Seguridade Social ten un patrimonio neto negativo de máis de 100.000 millóns, o que significa que as súas débedas superan amplamente os seus activos dispoñibles.

É fundamental entender que revalorizar as pensións non supón un “almorzo gratuíto”. Estas melloras implican necesariamente o aumento de ingresos no sistema, previsiblemente a través do incremento das cotizacións sociais. O mal chamado Mecanismo de Equidade Interxeracional, que establece unha contribución específica para un fondo de reserva dispoñible a partir de 2032, é un exemplo claro. Porén, esta medida tamén representa un esforzo adicional para os traballadores e as empresas actuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade