As pensións mínimas aumentarán un 22 % en catro anos
As pensións mínimas aumentarán un 22 % en catro anos
Goberno e sindicatos asinan o acordo para a reforma do sistema de pensións, do que se desmarca a patronal
Goberno e sindicatos falan dunha reforma histórica do sistema de pensións.
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Asuntos Sociais e Migracións, asegura: "É unha reforma histórica e de gran relevancia".
Unai Sordo, de CCOO, di: "Introducimos estruturalmente ingresos que garanten a viabilidade futura do sistema, e iso é algo revolucionario".
Pepe Álvarez, de UGT, lamenta que a CEOE non estea nesta sinatura. "Non hai argumentos que xustifiquen a súa ausencia", di.
A patronal critica que non se cuantifiquen os custos empresariais da reforma e pon en dúbida a viabilidade do sistema a longo prazo.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE, argumenta: "Eu non quero garantir só a miña pensión, quero garantir tamén a dos meus fillos".
Os cálculos do Goberno chegan ata 2070. O ministro Escrivá concretou as previsións no Congreso.
"A expectativa é que de aquí a 50 anos, cando se xubile a xeración que agora se está incorporando ao mercado de traballo, o sistema estea nunha situación folgada, que o gasto en pensións sexa inferior ao actual".
A reforma inclúe unha suba progresiva das pensións mínimas. Segundo o cálculo do Goberno, as contributivas chegarán aos 1.180 euros mensuais en 2027, e as non contributivas rozarán os 600 euros.
"A pensión mínima contributiva deberá alcanzar o 60 por cento da renda media para un fogar de dúas persoas, e a non contributiva o 75 por cento do limiar da pobreza", di o ministro.
A reforma inclúe tamén a posibilidade de calcular a pensión sobre os últimos 25 ou 29 anos cotizados, o que, segundo defende o Goberno, axudará a reducir a fenda salarial en España.