Elma Saiz: "É moi importante adaptar a lexislación antes de transferir o IMV"
Elma Saiz: "É moi importante adaptar a lexislación antes de transferir o IMV"
A ministra de Inclusión di que "non hai problema" en que Galicia xestione o ingreso mínimo vital, pero avisa que "debe convivir coas rendas autonómicas" para reducir a pobreza e conseguir a inclusión
Elma Saiz confirmou que "a finais de outubro ou a principios de novembro" estará lista a reforma do regulamento de estranxeiría
A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións pídelle ao Goberno galego que faga os deberes antes de transferir a xestión do ingreso mínimo vital (IMV) á nosa comunidade.
Nunha entrevista no Bos días, Elma Saiz explicou que é preciso que as comunidades autónomas adecúen a lexislación da Risga á lexislación do IMV e que non aproveiten para reducir a achega ás rendas autonómicas".
"O IMV ten que convivir coas rendas autonómicas para poder reducir pobreza e conseguir a inclusión", apuntou. "Estamos con reunións técnicas" entre o Goberno de España e a comunidade".
Segundo Saiz, a transferencia do IMV é algo que se debe abordar "con normalidade" e lembrou que "cando se fixo con Navarra e o País Vasco houbo voces que alertaban de que rompía a caixa única".
A ministra recalcou: "Trabállase ben desde a cogobernanza para loitar contra a pobreza, ese é o obxectivo do ingreso mínimo vital". E engadiu: "A través do diálogo estou convencida de que conseguiremos obxectivos comúns".
A formación, o emprego e as redes familiares, as bases que sustentan o novo regulamento de estranxeiría
Na entrevista, a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións abordou o novo regulamento de estranxeiría no que traballa o Goberno. Confirmou que "a finais de outubro, principios de novembro" estará lista esta reforma que, segundo indicou, é "moi escoitada e conta con moita participación" das comunidades autónomas e das entidades locais.
"A reforma pon o acento na formación, o emprego e as redes familiares, flexibilizando os trámites e con figuras como o arraigo por formación e emprego". Trátase dunha reforma centrada na "migracion regular, ordenada e segura, que é o marco no que traballamos como Goberno".
"Hai un talento sénior; e hai que dar máis flexibilidade e facer máis progresiva a saída do mercado laboral"
Na entrevista no Bos días, Elma Saiz salientou o acordo acadado polo Goberno para alongar a vida laboral. Un acordo froito, dixo, do diálogo social, e que afonda na "modernización e a adecuación. "Había unha regulación moi abrupta: ou traballabas ou eras pensionista. Quen queira poderá alongar a vida laboral".
Saiz enmarca a reforma na loita contra o idadismo: "Somos conscientes de que hai un talento sénior, e hai que dar mais flexibilidade e facer mas progresiva a saída do mercado laboral". Iso si, debe facerse, dixo, "desde a voluntariedade" e compatibilizándoo coa protección das "profesións difíciles".
"É importante estar á altura desa regulación moderna que compatibilice a protección das profesións difíciles pero coidando o talento sénior na confluencia co talento júnior e sempre desde a voluntariedade, porque é a cidadanía quen ten que tomar a decisión".