As potencias occidentais responsabilizan a Rusia da morte de Navalni
As potencias occidentais responsabilizan a Rusia da morte de Navalni
Os Estados Unidos avalían "diferentes opocións" para responder a este suceso
A Unión Europea e a OTAN sinalan directamente a Vladimir Putin, a quen lle piden explicacións do ocorrido
As reaccións desde os países occidentais e as organizacións que os agrupan ao anuncio da morte de Alexéi Navalni nunha prisión no Ártico sinalan todas na mesma dirección: Rusia e o seu presidente, Vladimir Putin.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou este venres que a morte de Navalni na prisión na que estaba encarcerado é "un sombrío recordatorio do que son Putin e o seu réxime".
Von der Leyen afirmou que o presidente de Rusia, Vladímir Putin, "non teme a nada tanto como á disidencia do seu propio pobo", e mostrouse "profundamente consternada e entristecida" polo falecemento de Navalni.
"Unámonos na nosa loita para salvagardar a liberdade e a seguridade de quen se atreve a enfrontarse á autocracia", subliñou a presidenta da Comisión Europea.
Charles Michel: Rusia, "única responsable"
O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, responsabilizou a Rusia da morte do opositor ruso Alexéi Navalni, que morreu hoxe de maneira repentina na prisión ártica en que se atopaba desde decembro pasado.
"A Unión Europea considera ao réxime ruso como o único responsable desta tráxica morte", escribiu Michel nunha mensaxe na rede social X.
O presidente do Consello Europeo asegurou que Navalni loitou polos valores da liberdade e a democracia e que "fixo o último sacrificio polos seus ideais". "Os combatentes morren. Pero a loita pola liberdade nunca termina", continuou Michel.
Borrell: "É responsabilidade exclusiva de Putin"
O alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, mostrouse "conmocionado" pola morte de Navalni e responsabilizou ao presidente ruso. "Á espera de máis información, sexamos claros: isto é responsabilidade exclusiva de Putin", escribiu Borrell na súa conta oficial en X.
O xefe da diplomacia europea destacou que Navalni foi "un home moi valente que dedicou a súa vida para salvar a honra de Rusia, dando esperanza aos demócratas e á sociedade civil".
Os EUA din que avalian "diferentes opicións" de resposta
O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, responsabilizou directamente a Vladímir Putin, da morte do líder opositor ruso Alexéi Navalni e advertiu que está a avaliar "diferentes opcións" para responder a ese suceso.
En declaracións á prensa na Casa Branca, dixo que non se sentiu "sorprendido" pero si "indignado".
"Se a información sobre a morte de Navalni é certa, e non teño razón para dubidalo, por suposto as autoridades rusas van contar a súa propia historia. Pero non se equivoquen, Putin é responsable", manifestou o xefe do Estado estadounidense.
O presidente foi preguntado directamente se pensaba que o falecemento do opositor ruso foi un "asasinato", ante o que respondeu: "Non sabemos exactamente que pasou, pero non hai dúbida de que a morte de Navalni é consecuencia de algo que fixeron Putin e os seus matóns".
Ademais, dixo que estaba a estudar "diferentes opcións" para castigar ao Kremlin pola morte de Navalni, pero non detallou se Washington impoñerá máis sancións sobre a economía rusa.
Biden xa avanzou en 2021 despois de reunirse con Putin en Xenebra que habería "consecuencias devastadoras" para Rusia se Navalni morría en prisión.
A vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, foi a primeira voz dos Estados Unidos en condenar a morte de Nalvani. afirmou que ao seu xuízo é outro sinal da "brutalidade" do presidente Vladímir Putin.
"Se se confirma, isto sería un sinal máis da brutalidade de Putin. Calquera que sexa a historia que conten, deixemos claro que Rusia é responsable", sinalou Harris ao comezo da súa intervención na Conferencia de Seguridade de Múnic, na que, segundo dixo, estaba a esposa do opositor ruso, Yulia Navalnaya.
Stoltenberg: Rusia ten "preguntas moi serias que responder"
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou este venres que Rusia ten "preguntas moi serias que responder" pola morte de Alexéi Navalni.
Admitiu que non ten información sobre as causas do falecemento de Navalni, polo que insistiu na importancia de aclarar todos os feitos.
"Aínda que Rusia ten algunhas preguntas moi serias que responder, o que vimos é que Rusia converteuse nunha potencia máis e máis autoritaria, que utilizaron a opresión contra a oposición durante moitos anos", comentou en declaracións á prensa na Conferencia de Seguridade de Múnic.
Subliñou que Navalni era un preso e que esa condición "fai extremadamente importante que Rusia agora responda todas as preguntas que se farán sobre a causa da morte".
Zelenski: "É obvio, Navalni foi asasinado"
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmou hoxe que o líder opositor ruso, Alexéi Navalni, "obviamente foi asasinado" na prisión rusa en que se atopaba, porque ao presidente de Rusia, Vladimir Putin, non lle importa quen morra con tal de manterse no poder.
"É moi lamentable que Alexéi Navalni morrese nunha prisión rusa. Para min é obvio: foi asasinado", dixo nunha conferencia de prensa tras reunirse co chanceler alemán, Olaf Scholz.