Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda rexeita a condonación da débeda por ser un "negocio ruinoso" e a oposición pídelle que rectifique

Rueda rexeita a condonación da débeda por ser un "negocio ruinoso" e a oposición pídelle que rectifique

Besteiro: "Envíe unha mensaxe a Corgos e dígalle que vote a favor; evite o ridículo e evítenos a un problema a todos"

Pontón: "É vostede o campión do servilismo e o presidente máis antigalego da nosa historia"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén durante o pleno do Parlamento de Galicia este mércores en Santiago de Compostela (EFE/ Lavandeira Jr) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén durante o pleno do Parlamento de Galicia este mércores en Santiago de Compostela (EFE/ Lavandeira Jr)
G24.gal 26/02/2025 08:34

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu rexeitar no Parlamento a quitación de débeda para as autonomías que propuxo o Goberno porque, ao seu xuízo, é un "negocio ruinoso" para Galicia. Calcula Rueda que só suporía 42 millóns ao ano de aforro en xuros.

Na sesión, a oposición pediulle que rectifique e acepte a condonación dos 4.010 millóns de euros da débeda que se calcula corresponden a Galicia. Fano coincidindo coa reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que esta tarde se celebra en Madrid.

Besteiro: "Dígalle a Corgos que vote a favor, por sentido común e por sentido de Estado"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defende a condonación da débeda como unha proposta "ambiciosa" que "ten todo o sentido de que sexa aceptada" por Galicia.

O líder dos socialistas galegos pídelle ao presidente da Xunta que "reconduza a situación". Asegura que aínda "está a tempo" de enviarlle ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, unha mensaxe para que acepte a proposta de condonación na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que se celebra esta tarde en Madrid. Afirma Besteiro que se a decisión partise dun Goberno do PP, teríaa aceptado. 

Rueda rexeita a facelo, dubida de que "o Goberno que o racanea todo nos vaia dar catro mil millóns de euros" e interpreta que o executivo central lanza esta proposta porque "necesita respiración asistida" e porque así o reclama Oriol Junqueras, de ERC, "o portavoz deste Goberno chantaxeado e hipotecado".

Pontón: "O Bloque fixo o traballo difícil, a negociación da quitación, faga vostede o fácil, acéptea e se lle parece pouco, negocie máis"

Na súa intervención a líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pediulle tamén ao presidente da Xunta que acepte a quitación da débeda que puxo sobre a mesa o goberno central e que "negociou o BNG". Insta a Rueda a "poñerse do lado da xente e aceptar esta condonación que nos permitiría ter máis recursos" para destinar á sanidade, educación ou a políticas de vivenda.

Pontón acusou a Rueda de ser o "campión do servilismo" e de ser "o presidente máis antigalego da nosa historia" e díxolle: "Quítese dunha vez a camisola do PP e empece a exercer de presidente de Galicia".

Rueda pediulles aos líderes dos partidos da oposición (BNG e PSdeG) que non digan "disparates" e mesmo os retou a ir xuntos a Madrid a reclamar os catro mil millóns de euros.

A líder do BNG pediu no pleno solucións que faciliten o acceso da mocidade e das familias a unha vivenda en alugueiro. Pontón acusou a Xunta de dedicar quince anos a "dinamitar as políticas de vivenda" e propuxo a Rueda tres medidas para tentar reverter esta situación. declarar zonas tensionada para controlar os prezos do alugueiro, retirar do rexistro da Xunta vivendas "ilegais" e establecer un "tope no número de vivendas turísticas de Galicia". Segundo dixo, "a vivenda debe ser para a xente, non para substituír hoteis".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade