Publicador de contidos
Publicador de contidos

As primeiras analíticas do cribado piloto de cancro de próstata asignaranse a semana que vén

As primeiras analíticas do cribado piloto de cancro de próstata asignaranse a semana que vén

A directora xeral de Saúde Pública asegura que xa se enviaron as mil primeiras invitacións para participar neste cribado experimental na área sanitaria de Ferrol

Carmen Durán cifra nun 68-70 por cento a participación no cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña

G24.gal 22/06/2024 11:08

A semana que vén o Sergas empezará a citar para as analíticas vinculadas ao cribado piloto de cancro de próstata que se puxo en marcha esta semana na área sanitaria de Ferrol. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmaba que nesta semana se remitiron un milleiro de invitacións para participar neste cribado dirixido a homes de entre 50 e 69 anos. Segundo explicou, cincocentas das invitacións foron para homes de entre 50 e 59 anos e a outra metade para o resto do grupo de idade. 

"Xa lanzamos as primeiras mil invitacións e as primeiras citas para a extracción de sangue, a primeira proba diagnóstica que se realiza, van ser asignadas na próxima semana".

O proxecto de cribado de cancro de próstata quere chegar a 12.000 homes dese grupo de idade na área sanitaria de Ferrol. A intención do Sergas é facer unha media de mil analíticas por mes nas que se analizarán os niveis da proteína PSA e logo, en función dos datos, se fará un seguimento a todas as persoas que o precisen. 

Cribado cancro de pulmón                             

Na área sanitaria da Coruña tamén se está desenvolvendo outro cribado experimental, desta volta de cancro de pulmón. Segundo Carmen Durán, están "sorprendidos positivamente" pola resposta das persoas convocadas para participar. Este cribado estaba dirixido a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos de idade que fosen grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de dez anos. Inicialmente seleccionáranse unhas 1.200 persoas e logo foise reducindo a mostra en función doutros criterios. Finalmente, segundo Durán, a participación foi "francamente elevada" ao se cifrar entre o "68-70 por cento de maneira efectiva". 

"Acabaremos as probas diagnósticas a próxima semana. Temos os últimos citados o sábado próximo. A partir de aí empezaremos con todo o proceso de análise de indicadores (...) e decidir antes de que acabe o ano o que será a seguinte fase". 

Cribado neonatal               

A directora xeral de Saúde Pública lembrou tamén que Galicia conta cunha carteira de cribado neonatal das máis amplas de España. Segundo Durán, este ano "queremos incluír tres patoloxías máis que poderiamos dicir que son pouco frecuentes pero moi importante a súa detección precoz". Son Adrenoleucodistrofia ligada ao cromosoma X, Mucopolisacaridose tipo I (MPS I)  e Enfermidade de Pompe. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade