Publicador de contidos
Publicador de contidos

As mulleres galegas saen á rúa polo 8-M

As mulleres galegas saen á rúa polo 8-M

Milleiros de persoas secundan as manifestacións do movemento feminista

Así se viviu o 8-M en España

Manifestación do 8-M en Vigo
G24.gal 08/03/2022 21:16

Superadas as restricións da pandemia, milleiros de persoas volveron saír ás rúas das vilas e cidades de Galicia para facer escoitar as reivindicacións do Día Internacional da Muller.

Pilar Estévez, da Asemblea 8-M, convocante das protestas, di que nestes dous anos agravouse a crise laboral e a precariedade da maioría das mulleres. Di que foron elas, unha vez máis, as que asumiron as tarefas de coidados que deberían depender das institucións públicas para que as mulleres puideran ter unha vida plena.

Denuncian a persistencia dunha cultura patriarcal que mantén, pese aos avances, moitas desigualdades por razón de xénero.

Mobilización en Santiago de Compostela Mobilización en Santiago de Compostela

A sindicalista de CC.OO, Rosa Fernández, di que as mulleres teñen que deixar de ser cidadás de segunda clase e ocupar o espazo que lle corresponde ao representar a metade da humanidade.

Nas protestas tamén atopamos a Encarna Otero, da Plataforma de Xubilados Compostela. Lembrou que a fenda salarial debería desaparecer, durante a vida laboral e tamén á hora de cobrar unha pensión.  

Ambiente festivo para denunciar a fenda salarial, a discriminación relacionada coa identidade sexual, a cousificación da muller ou a violencia física e psicolóxica que seguen sufrindo moitas. Argumentos que se repetiron en máis de cincuenta concentracións e marchas por todo o país. Moitas razóns para seguir reivindicando cada 8 de marzo e todos os días do ano.

Grande asistencia na manifestación do 8-M celebrada en Ourense Grande asistencia na manifestación do 8-M celebrada en Ourense

Nas marchas do 8-M participaron representantes do BNG e do PSdeG. O secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso recoñecía que aínda queda moito por facer en materia de igualdade de dereitos reais entre homes e mulleres. E puxo en valor que moitos dos avances conseguidos ata agora son froito de normas impulsadas desde a súa formación. 

Goretti Sanmartín, da executiva do BNG, dixo que as mulleres están fartas de saír ano tras ano a reivindicar o mesmo. Dixo que todas as administracións teñen que mirar polos dereitos das mulleres e asumilo como unha prioridade política como fai o seu partido onde goberna.

En Lugo, as mulleres xitanas berran polos seus dereitos En Lugo, as mulleres xitanas berran polos seus dereitos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade