Publicador de contidos
Publicador de contidos

As residencias de Lugo e Santiago impulsadas pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega abrirán en maio

As residencias de Lugo e Santiago impulsadas pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega abrirán en maio

Alfonso Rueda inaugurou este venres a sede da de Lugo acompañado pola presidenta da Fundación Amancio Ortega

G24.gal 05/04/2024 14:47

As residencias de maiores impulsadas pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega (FAO) en Santiago e Lugo comezarán a recibir os primeiros usuarios no mes de maio. Anunciouno o xefe do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, na inauguración da de Lugo este venres, canda a presidenta da fundación, Flora Pérez Marcote.

A nova residencia de Lugo disporá de 120 prazas repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais. O edificio ten comedor, cociña, salas de estar abertas e privadas, xardín e unha área sanitaria para consultas médicas, servizo de odontoloxía e fisioterapia e unidades psicoxeriátricas. Custou 25 millóns e está financiada integramente pola Fundación Amancio Ortega, cuxo obxectivo, din, era facer o máis parecido a un fogar.

"O proxecto debía axustarse á pauta de conduta empresarial do noso fundador: ambición, coidado polos detalles e eficiencia. O noso deber é tratar de coidar aqueles que co seu esforzo fixeron posible que chegaramos ata aquí con este nivel de calidade de vida", afirmou José Arnau, vicepresidente segundo da Fundación Amancio Ortega.

A presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez, fixo entrega simbólica á Xunta das chaves da residencia, unha das sete que vai construír a fundación en Galicia tras un acordo co Goberno galego. Alfonso Rueda avanzou que as xa rematadas, as de Lugo e Santiago, recibirán en maio os primeiros usuarios.

"Esperamos ir facendo o mesmo no resto de cidades para dispoñer de algo tan importante para os usuarios como é ter residencias de xestión pública", dixo o presidente da Xunta en funcións.

Alfonso Rueda destaca que Galicia supera as 15.000 prazas públicas para maiores. A entidade social Fesan xestionará a residencia de Lugo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade