Publicador de contidos
Publicador de contidos

As triplas de Bilbao cortan a reacción do Breogán

As triplas de Bilbao cortan a reacción do Breogán

O equipo galego recuperou doce puntos no terceiro cuarto pero no derradeiro padeceu o gran acerto no tiro exterior dos bilbaínos (86-94)

G24.gal 12/03/2022 22:17

O Breogán perdeu no Pazo diante do Bilbao Básket un partido no que se enfrontaba a un rival que está a pelexar cos lucenses por entrar nos oito primeiros postos. Un mal primeiro tempo galego e o recital de triplas de Bilbao no último cuarto marcaron o partido. 

Antes do encontro o Breogán daba a coñecer a ausencia de Kalinoski, unha baixa moi importante para a rotación de Mrsic. Malia iso, o comezo foi óptimo (11-5), co Breogán mandando ata que quedaban tres minutos para o remate do cuarto (22-21). O Bilbao Básket rematou o cuarto cun parcial de 0-6 para poñer un 22-27. 

Deulle continuidade no segundo cuarto comezando cun parcial de 4-10 (26-37) que obrigaba a Mrsic a pedir un tempo morto. O Breogán non era quen de parar o ataque de Bilbao e a súa ofensiva tamén estaba resentida. Os visitantes chegaron ao descanso cunha máxima diferenza de 16 puntos (33-49). 

A secuencia mudou dun xeito radical no terceiro cuarto. O Breogán meteuse no partido cun 8-0 de saída (41-49). A dous minutos para o remate do período unha canastra de Musa poñíaos a catro puntos (56-60) pero o Bilbao rematou o cuarto con catro puntos seguidos. 

O último tempo resultou un festival de triplas dos bilbaínos. Unha tras outra ata seis triplas case consecutivas que acabaron coa resistencia do Breo. Reyes, Rafa Luz, Goudelouck e un 3+1 de Rousselle facían imposible os grandes esforzos breoganistas. Chegaron a estar a seis puntos (75-81) pero non houbo xeito de poder gañar o partido que rematou co 86-94.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade