Charlie Moore amosa a facilidade anotadora acadando o MVP do Torneo Fogar de Breogán
Charlie Moore amosa a facilidade anotadora acadando o MVP do Torneo Fogar de Breogán
Venres de amigables dos dous equipos galegos da ACB, con vitoria do Breogán sobre o Porto e derrota do Leyma Coruña contra o Flamengo
Os dous equipos galegos da ACB seguen afinando a posta a punto de cara á nova temporada. O Breogán impúxose no Trofeo Fogar de Breogán ao Porto e o Leyma Coruña perdeu diante do Flamengo.
O equipo de Veljko Mrsic comezou dubitativo no primeiro cuarto pero refíxose e conseguiu unha cómoda vitoria diante do equipo portugués por 92-76. O alicerce deste triunfo foi o base Charlie Moore, asinado pola súa facilidade anotadora, e que demostrou diante da súa parroquia as súas dotes: 18 puntos e 6 asistencias en 29 minutos de xogo. Moore estivo ben secundado por Jordan Sakho que se foi ata os 17 tantos.
Non correu a mesma sorte o Leyma Coruña, aínda que os resultados na pretemporada son o de menos. Nun partido de moita anotación acabaron perdendo contra o Flamengo do Brasil por 90-89. Ata catro xogadores do equipo laranxa superaron os dobres díxitos con Aleix Font como o máis destacado con 14 puntos.