As tropas españolas no Líbano alertan dunha situación "tensa e volátil"

Advirten unha escalada "contida" nos enfrontamentos entre Hezbolá e Israel

Robles di que o exército está preparado para evacuar os españois en Gaza

Antón Montero 01/11/2023 17:51

Son os días máis difíciles para os 660 soldados españois despregados desde hai 17 anos na fronteira entre O Líbano e Israel.

Aroldo Lázaro, xefe de misión da Forza Interina das Nacións Unidas no Líbano, explica que a "situación na área de operacións podemos definila nestes momentos como tensa, volátil e impredicible".

As escaramuzas entre a guerrilla de Hezbolá e o exército hebreo veñen de lonxe, pero o ataque de Hamas do pasado día 7 excitou máis os ánimos nesta fronteira.

Luis Jesús Fernández Herrero, xefe do continxente español no Líbano, relata que "todos os días se producen enfrontamentos ao longo da blue line, uns días máis ca outros. Hai unha pequena escalada, moi lixeira durante estes 25 días, aínda que, como di o xeneral Lázaro, está contida".

A ministra de Defensa trasladoulles este mércores o seu apoio a unha misión que inclúe tanto de defensa da poboación civil como a intermediación entre os dous bandos para evitar unha escalada do conflito.

Margarita Robles confirmou tamén que España está lista para sacar da rexión aos españois que viven en Gaza. "Sabemos que hai cidadáns españois que hai uns días mostraron a súa vontade de saír de Gaza e ir a Exipto. Desde este mando de operacións teñen todo preparado para facer as evacuacións", dixo.

Robles explicou que España está preparada para enviar máis soldados ao Líbano en caso de que Nacións Unidas o reclame.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade