As tropas romanas entrarán esta noite na cidade de Lugo
As tropas romanas entrarán esta noite na cidade de Lugo
Volven o mercado romano, o circo, as pelexas de gladiadores, os desfiles de tropas ou as reunións do senado
As lexións entrarán esta noite na cidade de Lugo a través da ponte romana que cruza o río Miño para dar comezo á vixésimo segunda edición do Arde Lucus, a festa de recreación histórica que estrea este ano o seu flamante título como celebración de Interese Turístico Internacional.
A chegada das tropas romanas producirase sobre as nove e media; despois, as lexións desprazaranse ao Balneario, onde poden verse os restos das antigas termas, e alí producirase a bendición dos soldados e dos estandartes por parte de augures.
Unha hora despois no Templo das Vestais, que quedou instalado ao fondo da Praza Maior, será acendido o lume sacro de Vesta, un acto que poñerá fin a esta xornada inaugural, a modo de aperitivo para tres intensos días de festa, onde o mercado romano, o circo, as pelexas de gladiadores, os desfiles de tropas ou as reunións do senado volverán formar parte do programa.
Tres días de espectáculo, música e petiscos "romanos"
O Arde Lucus volverá ofrecer aos visitantes, como nos anos previos, unha coidada recreación do pasado romano da cidade, grazas á colaboración dunha vintena de asociacións. Ademais, nesta ocasión, incorpora a experiencia Ars Cvlinarivm, que busca mergullar a lucenses e visitantes na “arte culinaria da antiga Roma”.
Na Praza de Abastos, na Rúa Quiroga Ballesteros, en pleno corazón do centro histórico, estará o escenario de Ars Cvlinarivm, da man da Asociación de Cociñeiros de Lugo. Alí poderase gozar da gastronomía da antiga Roma a través de tapas cociñadas polos máis dignos chefs de Lvcvs Avgvsti.
De venres a domingo, oito cociñeiros elaborarán diante do público “os bocados máis exquisitos”, como “bacallau, hamburguesas, costelas, tortilla ou xeado”, explicou. A xente “poderá degustalas in situ ou levarllas á casa.
Os concertos de Céltiga Pipes Rock e Fillas de Cassandra “caldearán as noites de sábado e domingo”. Ademais, tamén aumentan nesta edición as actividades dedicadas aos máis pequenos, cunha maior oferta de lecer infantil.
Do impacto económico desta festa dan boa conta as cifras de ocupación hostaleira, que, segundo datos facilitados pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), rozará o 100 % este sábado.
Na organización participan 19 asociacións culturais, que se afanan en ultimar os preparativos para estes catro días de recreación histórica e de troula.
Eduardo Fernández Abel, Cohors III Lucensium: "Temos xa todo listo e empezamos a desfilar ás nove da noite co paso das tropas pola ponte romana".
Ángel Rouco, Trebas Galaicas: "Estamos cos últimos detalles, colocando a panoplia toda que nos faltaba".
Haberá días de plena ocupación hoteleira. E, como novidade, unha vintena de cociñeiros prepararán pratos de inspiración romana. Será no chamado Ars Culinarium.
Alejandro Méndez, Asociación Cociñeiros de Lugo: "Todos os pratos teñen un toque romano, Por exemplo, un arroz de bacallau afumado con polbo cun toque de 'garum', que é unha salsa especial que facían os romanos".
Jacobo García-Bobadilla, Secretario da Asociación de Hostalería de Lugo: "Parece que imos cumprir as expectativas que tiñamos, cun cento por cento de ocupación o sábado nos hoteis da capital".
O Arde Lucus estrea este ano unha declaración de Festa de Interese Turístico Internacional conseguida en tempo récord. Isto suporá unhas medidas de seguridade aínda maiores en cada un dos campamentos.
Manuel Buján, Asociación Senado de Lucus Augusti: "Imos ter desfibriladores, temos o dobre de extintores e temos unha boca de incendios colocada fóra".
Ángel Rouco, Trebas Galaicas: "Supón que somos coñecidos a nivel mundial e imos ter un montón de xente de fóra. Tamén moito máis traballo para cumprir as normativas".
O circo romano, o teatro, os desfiles e actividades para todos os públicos completan a oferta variada dunha festa multitudinaria que se prolongará ata o domingo á noite.