As tropas rusas vanse retirando do norte de Ucraína cara ao leste
Ucraína retoma a rexión de Kíiv
A ONU verificou 1.325 civís mortos na guerra
Volodimir Zelenski indicou que os rusos están sendo repelidos ou están abandonando as súas posicións no norte pero advertiu que deixan tras de si destrución e o terreo minado.
A intelixencia británica confirmou que o exército do Kremlin se move cara ao leste e corroborou tamén o avance das forzas armadas do país nos arredores da capital.
Un asesor presidencial afirmou que recuperaran o control de máis de 30 localidades da rexión de Kíiv. Unha sería Bucha, onde os xornalistas atoparon ao chegar unha vintena de cadáveres só nunha das rúas. O alcalde explicou que tiveran que soterrar preto de 300 persoas en foxas comúns.
Ucraína cre que os rusos se retirarán de todos os territorios, agás do leste e do sur, onde tratarán de atrincheirarse e ditar as condicións para a paz.
A ONU verificou a morte de 1.325 civís nesta guerra, entre eles 120 nenos, pero aclara que a cifra real pode ser moito maior. E ACNUR eleva a máis de 4.130.000 os ucraínos que fuxiron do país.