As vítimas de Angrois claman contra once anos "sen xustiza, nin verdade, nin reparación"
As vítimas de Angrois claman contra once anos "sen xustiza, nin verdade, nin reparación"
Familiares das vítimas e feridos manifestáronse desde a estación de tren ata a praza do Obradoiro para reivindicar a necesidade de que se coñeza a verdade
Once anos despois do accidente do tren Alvia, que acabou coa vida de oitenta persoas e deixou 145 feridos, familiares das vítimas volveron manifestarse na capital galega para denunciar que tanto tempo despois segue sen haber "xustiza nin verdade nin reparación".
Familiares das vítimas e feridos xúntanse cada ano aquí para pedir verdade, xustiza e reparación polo accidente do Alvia en Angrois. E xa van once aniversarios daquel fatídico día, lembran, sen que se depuren responsabilidades. Hai dous acusados polo accidente, o maquinista e o que era xefe de seguridade do Adif, en quen poñen o foco.
Cren que están na conta atrás para recibir a sentenza do xuízo: din que lles filtraron que pode chegar a semana que vén. Marcharon polas rúas de Compostela para pedir unha sentenza exemplar, e reivindicar unha investigación independente dos feitos. E desexan que este poida ser o último aniversario que toque reinvindicar:
Unha trintena de persoas, entre familiares das vítimas e feridos no accidente, manifestáronse desde a estación de tren ata a praza do Obradoiro para reivindicar a necesidade de que se coñeza a verdade do sucedido o 24 de xullo de 2013.
En declaracións aos medios, Jesús Domínguez, portavoz das vítimas do Alvia, denunciou que a pesar de que xa pasou case un ano da finalización do xuízo, segue existindo “ocultación sobre esta traxedia porque non queren que se saiba a verdade”.
A xuízo das vítimas, “todos os gobernos” que estiveron no poder durante esta década evitaron que se coñeza a verdade do ocorrido “porque hai uns intereses, que son os da alta velocidade, que hai que protexer”, incidiu Domínguez.
Tamén mostrou o seu temor ante a posibilidade de que a sentenza se coñeza a “próxima semana”, a última do mes de xullo, nun novo intento de “tapar a nosa voz”.
Domínguez asegurou que chegaron “filtracións” á plataforma sobre a probabilidade de que a sentenza se dea a coñecer a próxima semana, unha semana despois do undécimo aniversario do sinistro e “a finais de xullo logo, para logo irse de vacacións”.
Con todo, asegurou que once anos despois seguen "esperando xustiza", polo que esperan que na sentenza o Adif -xestor da infraestrutura ferroviaria- saia condenado e, pola contra, aseguraron que teñen intención de recorrer.
Nun manifesto, as vítimas piden “unha condena exemplar para que non volva ocorrer”.
Xa no Obradoiro as vítimas deron lectura a un escrito no que lembran que levan “once anos de loita tratando de destapar todo o que hai detrás desta traxedia evitable, pelexando contra o Estado e as institucións implicadas, que trataron por todos os medios de culpar o último elo da cadea, o maquinista, e de contaminar a opinión pública para ocultar as neglixencias e os incumprimentos normativos de seguridade”.
A maquinaria do Estado, reprocharon, traballou “ocultando e demorando a entrega de informes, co cambio de xuíz polo CXPX, a Xunta impoñendo peritos, a Fiscalía dando un xiro inesperado e a Avogacía do Estado defendendo o Adif.
O xuízo arrancara en outono de 2022 e rematou hai case xusto un ano, o 27 de xullo de 2023. Hai dous acusados, pero de momento aínda non hai sentenza.