O presunto asasino en serie de Bilbao dille á policía que é inocente e que quere colaborar
O presunto asasino en serie de Bilbao dille á policía que é inocente e que quere colaborar
A Ertzaintza amplia a investigación a máis mortes que parecían naturais
A busca do agresor esténdese a Madrid e á zona do Levante
O presunto asasino en serie de Bilbao entregouse este xoves pola tarde en dependencias da Ertzaintza en Irún.
Acúsano de matar 8 homes que captou a través de redes de contacto para varóns homosexuais. Os investigadores cren que lles daba éxtase líquido en doses mortais e logo lles roubaba os cartos da conta corrente. Ao non teren sinais de violencia, algunhas das mortes pasaron inicialmente por naturais
O acusado negou ser o autor dos asasinatos e díxolles aos axentes que quería colaborar coa policía.
O detido chámase Nelson David, ten 25 anos e naceu en Colombia.
O Xulgado de Instrución número 6 de Bilbao ditara unha orde de detención contra este mozo, que xa foi detido pola policía vasca por estafa en 2019 en Biscaia.
Ata o momento xudicializáronse catro casos por falecementos ocorridos entre setembro e outubro de 2021 en Bilbao, pero os investigadores sospeitan que este individuo podería estar relacionado con outros catro crimes anteriores, que no seu día foron consideradas mortes naturais.
O detonante para a apertura da investigación foi o posible homicidio dun veciño de Bilbao de 43 anos o 18 de outubro de 2021, ao que despois saquearon as contas bancarias.
O sospeitoso destes crimes foi denunciado por un home, veciño de Bilbao, que logrou sobrevivir ao seu ataque. Na casa da vítima, o presunto autor dos crimes deixara unha mochila con obxectos persoais e un envase cunha substancia estupefaciente, o que facilitou a súa identificación.
No colectivo homosexual hai moita preocupación por estes casos.
"É algo que nos ten moi asustados porque moitos utilizamos estas redes e que haxa unha persoa con esta psicopatía é moi duro", asegura un mozo na zona vella de Bilbao.
"A xente do colectivo está un pouco paranoica, con medo e desconfianza", di outro home.
O presunto asasino en serie leva polo menos tres anos en España. Os expertos atribúenlle un perfil psicopático.
"O que cabe agardar é que teñan unha personalidade psicopática, que non sinta remordementos, que careza de empatía e polo tanto o feito de acabar coas súas vítimas e que pareza unha morte natural formaría parte do seu modus operandi eficaz", apunta o psicólogo criminalista César San Juan sobre o perfil do agresor.
As investigacións desenvólvense tamén na Comunidade Valenciana e en Madrid, onde non se descarta que o sospeitoso participase noutros feitos delituosos.