Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo avala que se colgue a bandeira LGTBI en edificios públicos no Orgullo

O Supremo avala que se colgue a bandeira LGTBI en edificios públicos no Orgullo

O TS indica en dúas sentenzas que a bandeira "nin se colocou para substituír ou subordinar a ela as bandeiras e insignias oficiais nin é un signo ou símbolo de significación partidista e tampouco propugna ningún tipo de enfrontamento"

(Alejandro Martínez Vélez / Europa Press) (Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
G24.gal 02/12/2024 12:43

A Sala do Contencioso-Administrativo do Supremo sentenciou que a Deputación de Valladolid e o Concello de Zaragoza non incumpriron a lei que regula o uso das bandeiras ao colgar as badeiras LGTBIQ+  no patio interior, no primeiro caso, e no balcón, no segundo.

O Supremo indica en dúas sentenzas, das que foi relator Pablo Lucas, que a bandeira "nin se colocou para substituír ou subordinar a ela ás bandeiras e insignias oficiais, nin é un signo ou símbolo de significación partidista e tampouco propugna ningún tipo de enfrontamento".

Ao contrario, sinala que este símbolo proxéctase a favor da igualdade entre as persoas, valor recoñecido pola Constitución e pola Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

Desta maneira, o Supremo desestima o recurso presentado pola asociación Abogados Cristianos no caso de Zaragoza e dá a razón á Deputación Provincial de Valladolid ao anular a sentenza do Tribunal Superior de Castela e León que aceptara a apelación desa mesma asociación ultracatólica.

As sentenzas explican que nestes casos non é aplicable a lei que regula o uso da bandeira de España e o doutras bandeiras e insignias e argumentan tamén que non hai contradición entre o que agora se decide e o resolvido anteriormente sobre o izado dunha bandeira autonómica distinta da estatutaria e contra a exhibición en edificios públicos de símbolos ou mensaxes de carácter partidista.

Explica que o uso da bandeira LGTBI está contemplado na lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación, que recoñece o dereito de todos a non ser discriminados, entre outras razóns, pola orientación ou pola identidade sexual, principio tamén recollido na lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

Así, conclúe que a exhibición da bandeira non contradí a esixencia de obxectividade das administracións públicas, nin creba a neutralidade que deben manter, senón que se inscribe na liña das actuacións que han de levar a cabo para promover a igualdade.

Ambas sentenzas contan cun voto particular discrepante 

Ambas sentenzas contan co voto particular discrepante dun dos cinco maxistrados do tribunal, José Luis Requero, que considera que a colocación por unha Administración Pública de bandeiras en edificios da súa titularidade e que son símbolo do movemento LGTBI "infrinxe a súa obrigación de neutralidade e obxectividade prevista a Constitución".

Sostén que o movemento LGTBI, representado pola bandeira arco da vella, refírese a "siglas que reúnen diversas tendencias sexuais que sustentan postulados varios, entre eles os da chamada ideoloxía de xénero, que non son pacíficos e respecto dos que hai división na sociedade, xa sexa por razón de crenzas ou de ideoloxía".

E engade que "unha cousa é a consecución de obxectivos inspirados en principios plausibles como son os de igualdade, respecto, inclusión e tolerancia e outra que unha administración pública vaia máis aló do cumprimento deses obxectivos e veña a abandeirar -a expresión é intencionada- uns postulados ideolóxicos controvertidos que hai tras o símbolo que desencadea o litixio". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade