Así é o Shuttle: un vehículo autónomo para 12 pasaxeiros fabricado en Galicia
Trátase dunha lanzadeira eléctrica capaz de circular sen condutor, desenvolvida polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia
O CTAG espera empezar a comercializala este mesmo ano

O Shuttle é o novo vehículo autónomo do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Trátase dunha lanzadeira para doce pasaxeiros que pode circular sen condutor analizando a información da calzada, os sinais e os semáforos.
"Unha alta porcentaxe dos accidentes ocorren por despistes humanos, sobre un 90 %. Entón, dispoñer de sensores que están controlando o que ocorre ao redor do vehículo e que poden actuar no caso de que o condutor non estea cen por cen atento ou teña un despiste, aumenta a seguridade e, por tanto, reduce os accidentes". Explica Diego Bernárdez, resposable de operacións do Shuttle.
O vehículo leva cámaras que van lendo as liñas da calzada e recibe datos dos sinais e dos semáforos. É o resultado de cinco anos de traballo do CTAG.
"É un vehículo pensado para distancias curtas, para a última milla. Está pensado para funcionar no centro de cidades, en aeroportos, en portos, en parques industriais...", explican no CTAG.
A lanzadeira, que de momento só pode circular cun supervisor, xa pasou varias probas en exteriores. O CTAG espera empezar a comercializala este mesmo ano.