Aspas vai agardar para renovar pero deixa unha mensaxe optimista: "Atópome moi ben"
Aspas vai agardar para renovar pero deixa unha mensaxe optimista: "Atópome moi ben"
"Hai dúas temporadas acabei moi esgotado e, se vou estar así, o mellor é botarse a un lado", dixo o de Moaña
Iago Aspas atendeu os micrófonos da Televisión de Galicia ao remate do encontro. O de Moaña foi considerado MVP do partido polos seus pases xeniais e só lle faltou o gol nun remate que se espetou contra o pau.
"Puidemos sentenciar antes, pero soubemos sufrir e levamos unha vitoria moi importante", recoñeceu o capitán do Celta. Tamén falou do seu futuro. Asegurou que non vai haber ningún problema para a súa renovación, pero quere deixala para máis adiante. "Hai dous anos acabei moi esgotado e, se vou estar así, o mellor é botarse a un lado", comentou. Tamén recoñeceu que nesta temporada se estaba atopando moi contento e moi ben no aspecto físico.
Todo apunta a que Aspas seguirá, cando menos, unha temporada máis, e demostra en cada partido ser o xogador máis determinante do equipo.