Publicador de contidos
Publicador de contidos

As bombas rusas alcanzan o aeroporto de Leópolis, preto de Polonia

As bombas rusas alcanzan o aeroporto de Leópolis, preto de Polonia

Os mísiles impactaron nunha instalación onde se reparan avións

Scholz insta a Putin a un cesamento do fogo, pero o presidente ruso sinala ao Goberno ucraíno como responsable de "empantanar" as negociacións

Zona bombaredeada esta madrugada en Leópolis
G24.gal 18/03/2022 08:00 Última actualización 15:00 18/03/2022

Foi preto do aeroporto de Leópolis, a uns 70 quilómetros de Polonia. Dende a cidade era visible a columna de fume causada polos bombardeos. Os mísiles impactaron nunha instalación onde se reparan avións. Non houbo vítimas mortais. A maiores, esta noite houbo evacuacións noutras localidades, incluso na área da capital, Kíiv.

O bombardeo sobre Leópolis ten a súa significación estratéxica por ser unha poboación situada ás portas dun país (Polonia) membro da Alianza Atlántica e da Unión Europea. Segundo fontes ucraínas, ese bombardeo realizouse con mísiles de cruceiro lanzados desde un submarino no Mar Negro.

Leópolis converteuse ademais nas últimas semanas en punto de paso que empregan a maioría dos ucraínos que foxen dos combates e que se dirixen cara a Polonia, principal país de acollida dos refuxiados.

Ameaza do Goberno ruso

O ataque sobre esta cidade pode interpretarse como unha advertencia rusa. O que xa non é cuestión de interpretación son as palabras do ministro de Exteriores de Rusia, quen este venres declaraba que os cargamentos con armas que chegan a Ucraína estes días serán considerados como obxectivos "lexítimos" de ataque.

"Demos a entender dunha forma moi clara que todos os cargamentos que chegan a Ucraína, e que, na nosa opinión, transportan armamento, serán obxectivos lexítimos (de ataque)", dixo Serguéi Lavrov, nunha entrevista coa cadea RT.

Kíiv, a capital de Ucraína, é obxecto diario dos bombardeos Kíiv, a capital de Ucraína, é obxecto diario dos bombardeos

Explosións a calquera hora tamén en Khárkiv. Durante toda a xornada os efectivos de emerxencias realizaron máis de 40 saídas para apagar incendios. Un bombeiro morreu. Entre as infraestruturas afectadas están un gran mercado, unha escola e unha casa de cultura.

En Mariupol están destruídas o 80 % das vivendas, din as autoridades locais. Os veciños soportan a falta de teito e a escaseza de víveres a temperaturas baixo cero. Na cidade quedan unhas 350.000 persoas.

Na cidade, situada á beira do mar de Azov, as reservas de auga e comida están case esgotadas e practicamente non se permitiu a entrada de axuda humanitaria neste tempo, segundo alerta o Programa Mundial de Alimentos da ONU (PMA).

"A única maneira de asistir a Mariupol é a través de convois humanitarios, que por agora non lograron entrar", sinalou o coordinador de emerxencias para Ucraína do PMA, Jakob Kern.

Os equipos de emerxencias seguen buscando superviventes entre as ruínas do teatro de Mariupol. 130 persoas xa foron rescatadas, e dende o interior do recinto aseguran que a maioría dos que alí se refuxiaban sobreviviron ao ataque, grazas ao refuxio antibombas. 

Chernihiv, ao norte, é outra das zonas quentes do asedio ruso. En 24 horas, morreron máis de 50 persoas por causa de bombardeos e tiroteos. 

Onde seguen sumando falecidos é na capital, e xa van 222. Por cuarto día consecutivo, o obxectivo foron edificios residenciais, desta volta preto dun colexio e unha gardería. O balance provisional é dun morto e 19 feridos. 

Scholz insta a Putin a un cesamento do fogo 

O chanceler alemán, Olaf Scholz, instou este venres ao presidente ruso, Vladímir Putin, a "un cesamento do fogo o máis rapidamente posible" en Ucraína, nunha conversa telefónica que ambos mantiveron esta mañá.

A conversación durou case unha hora e nela os dous abordaron "a guerra que continúa en Ucraína e os esforzos para terminala", segundo un comunicado do portavoz do chanceler.

Scholz avogou ante Putin ademais por "unha mellora da situación humanitaria" e a favor de avances "na procura dunha solución diplomática do conflito", agregou o portavoz.

Putin acusa a Kíiv de empantanar negociacións

O presidente de Rusia, durante esa conversación co chanceler alemán, acusou a Kíiv de tentar empantanar as negociacións para poñer fin á chamada "operación especial militar" rusa en Ucraína con "novas propostas non realistas".

Segundo informou o Kremlin, o mandatario ruso expresou ao xefe do Goberno alemán que "o réxime de Kíiv aspira a empantanar ao máximo o proceso de negociacións", pero "a pesar diso, a parte rusa está disposta a continuar a procura de solucións no marco dos nosos enfoques de principio ben coñecidos por todos", engadiu a Presidencia rusa nun comunicado.

Vladimir Putin, presidente de Rusia, no acto de aniversario da anexión de Crimea Vladimir Putin, presidente de Rusia, no acto de aniversario da anexión de Crimea

Nun acto multitudinario polo aniversario da anexión de Crimea, Vladimir Putin destacou a unidade do pobo ruso coa súa operación militar. O presidente ruso encomiou o heroísmo dos soldados rusos durante a campaña militar dirixida, segundo dixo, a evitar un "xenocidio" no país veciño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade