Ataque con drons en Moscova e un morto en Kíiv
Ataque con drons en Moscova e un morto en Kíiv
Moscova sofre un ataque con drons que provoca danos en varios edificios, segundo o seu alcalde
Un morto en Kíiv na terceira onda de ataques rusos das últimas 24 horas
Rusia acusa a Ucraína de ataque terrorista
A capital rusa sufriu hoxe un ataque con drons que causou "danos menores" en varios edificios, indicou hoxe o alcalde de Moscova Serguei Sobianin.
Ata o momento ninguén foi gravemente ferido, e estanse investigando as circunstancias do sucedido.
Rusia acusou directamente a Ucraína do "ataque terrorista" con drons de hoxe a Moscova e asegurou que os oito aparellos non tripulados lanzados contra a capital rusa foron abatidos polas defensas antiaéreas.
Segundo os militares rusos, tres deses aparellos non tripulados foron inutilizados con medios de loita radioelectrónica.
Os outros cinco drons, engade o parte, foron derrubados con sistemas de mísiles e artillería antiaérea Pantsir-C na provincia de Moscova.
Trátase do ataque máis grave contra Moscova desde o que denunciou Rusia na noite do 2 de maio contra o Kremlin, tamén con drons, que os rusos atribuíron directamente a Ucraína.
Segundo Sobianin, por razóns de seguridade, os servizos de emerxencia evacuaron os veciños de varias entradas de dous edificios a onde foi bater un dos drons.
Os aeroportos máis próximos á cidade traballan con normalidade, segundo asegura a axencia TAS, pois non se detectaron drons nas súas inmediacións, mentres que se cortou o tráfico nalgunhas rúas próximas ao lugar do incidente.
Un morto en Kíiv na terceira onda de ataques rusos das últimas 24 horas
Mentres, fortes explosións sacudiron a capital ucraína por terceira noite consecutiva como consecuencia dun novo ataque ruso, o terceiro nas últimas 24 horas, con 20 drons kamikaze que causaron a morte de polo menos unha persoa, informou o alcalde de Kíiv, Vitalii Klychko.
Todos os drons foron derrubados polas defensas antiaéreas ucraínas, segundo o parte da Administración Militar rexional, pero os restos dalgúns dos aparellos non tripulados caeron tras a interceptación sobre zonas residenciais e provocaron danos en vivendas e en vehículos particulares.
Segundo o alcalde Klychko, catro persoas foron feridas e hospitalizadas e arredor dun cento de veciños en varias zonas da capital afectadas foron evacuados tras provocaren os restos dos drons incendios en casas e edificios.