Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aterra en Torrexón o terceiro avión do Goberno con 68 persoas evacuadas do Líbano

Aterra en Torrexón o terceiro avión do Goberno con 68 persoas evacuadas do Líbano

Aproveitouse un avión con material militar para o continxente español no Líbano para traer persoas na volta

Albares indicou que en total xa son 348 as persoas evacuadas polo Goberno

Chegada a Torrexón das persoas evacuadas do Líbano (Ministerio de Defensa) Chegada a Torrexón das persoas evacuadas do Líbano (Ministerio de Defensa)
G24.gal 09/10/2024 19:58

O A400 do Exército do Aire enviado polo Goberno aterrou este mércores sobre as 19:43 horas na base aérea de Torrexón de Ardoz desde Beirut cun total de 68 persoas a bordo, principalmente españois.

"Chegan a Madrid 68 cidadáns evacuados de Líbano nun avión do Exercito do Aire. Nesta misión participou un operativo de 19 militares da Ala 31, a Unidade Médica de Aeroevacuación UMAER e o Escuadrón de Apoio á Despregadura Aérea", confirmou o Ministerio de Defensa en redes sociais.

Este é o terceiro avión militar que axuda na evacuación dos españois do Líbano, tras a recente escalada na violencia entre o Exército israelí e o partido-milicia xiíta libanés Hezbollah, que incluíu bombardeos no sur do país pero tamén en Beirut, a capital.

Unha muller baixando do avión (Ministerio de Defensa) Unha muller baixando do avión (Ministerio de Defensa)

O Ministerio de Defensa informara de que, en coordinación co Ministerio de Exteriores, decidiuse aproveitar un avión con material militar para o continxente español no Líbano para traer no voo de volta españois que quixesen abandonar o país.

Para iso, o A400, que transportaba material militar e fixo unha escala previa en Turquía, fora acondicionado para poder transportar ata 65 persoas a bordo. Chegou ao Aeroporto de Beirut ás 11:00 horas (hora española).

O xoves pasado, uns 200 españois abandonaron O Líbano a bordo dos dous avións fretados polo Goberno, un A400 e un A330. O primeiro deles tiña capacidade para 288 persoas, pero voou cunhas 240, mentres que o segundo, con 116 prazas, voou cara a Madrid con só 40 pasaxeiros.

En total, precisou este mércores o ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares, o Goberno evacuou 348 persoas, o cal inclúe a case 300 españois mais os seus familiares, maioritariamente libaneses, e cidadáns doutras nacionalidades, entre eles franceses, italianos, británicos, mexicanos, canadenses, venezolanos, alxerianos e palestinos.

Á súa vez, engadiu, outros países incluíron nos seus voos cidadáns españois, o cal permitiu a saída duns 40 nos últimos días. Segundo o ministro, tras estes tres avións a estimación é que "non hai españois que expresasen o seu desexo de saír e que non puidesen saír neste momento", aínda que non descartou que isto cambie nun futuro a medida que evolucione a situación.

Albares aproveitou para lembrar que aínda é posible abandonar O Líbano por vías comerciais, ben por avión, ben por barco, animou a estar en contacto coa embaixada en Beirut e recalcou que segue operativa, e seguirao estando a pesar de que a semana pasada se evacuou parte do seu persoal para poder axudar aos españois a que poidan saír en caso de necesitalo.

Aínda que recoñeceu a dificultade de ter unha cifra exacta do número de españois que xa abandonaron O Líbano, dado que algúns o fixeron polos seus propios medios e sen informar o Ministerio, considerou que "arredor da metade" deles xa saíron do país. Segundo Albares, no Líbano había uns 1.000 españois, principalmente con dobre nacionalidade, e familiares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade