Rescatan a condutora dun microbús que caeu ao río Lagares en Vigo
Os bombeiros levaron a cabo unha operación para liberar a muller, estabilizando o vehículo e retirando varios asentos do mesmo
O microbús non tiña posto o freo de man, polo que caeu marcha atrás por un terraplén
Bo susto o que levaron nunha empresa de autobuses na parroquia de Lavadores, en Vigo. Un dos seus microbuses quedou pendurado dun terraplén.
Ao parecer, a condutora do microbús estaba a botar combustible, non tiña o freo de man posto e o vehículo comezou a escorregar. Ela subiu para tentar frealo, pero non puido controlalo nin evitar que caera marcha atrás ao río Lagares. Afortunadamente, o vehículo non levaba pasaxeiros a bordo.
A condutora quedou atrapada e os bombeiros tiveron que retirar varios asentos para poder liberala, despois de estabilizar o vehículo para garantir a súa seguridade. Un guindastre procedeu entón coa retirada do microbús do río.
A condutora tivo que ser trasladada a un centro sanitario, pero o seu estado non reviste gravidade.