Portugal multará por levar os dispositivos móbiles a todo volume no transporte público
Haberá campañas de concienciación para un uso cívico dos aparatos sonoros, ademais de avisos das posibles infraccións
As sancións oscilan entre os 50 a 250 euros
Viaxar está a converterse nunha tortura para os que queren silencio. E, malia que o nivel de queixas non é elevado, a autoridade lusa de mobilidade e transporte decidiu poñerse seria co problema do barullo nos transportes públicos, especialmente nos trens.
Facer ruído con aparellos ou conversas que amolen os demais viaxeiros considéranse unha infracción que viola os deberes do pasaxeiro, e é sancionada con multas de entre 50 e 250 euros. As autoridades non din cantas foron xa interpostas, pero si aseguran que estas sancións económicas xa son parte dunha estratexia máis ampla de sensibilización, para que os usuarios empreguen os seus teléfonos con máis tino.
Quen máis quen menos atopouse durante unha viaxe en tren, autobús ou avión con algún pasaxeiro que o fixo partícipe indesexado das súas conversas telefónicas, videochamadas, música ou redes sociais.
Malia que as queixas rexistradas non son moitas, en Portugal as autoridades decidiron poñer freo a este molesto costume e aprobaron multas de entre 50 e 250 euros para quen vulnere o dereito a unha viaxe sen ruído en transporte público.
A medida vai acompañada de campañas de concienciación, habilitación de espazos en silencio e avisos das posibles sancións.