Os casos de covid multiplicáronse por dous nos últimos quince días
Os casos de covid multiplicáronse por dous nos últimos quince días
A maioría son leves e non están rexistrados, porque non precisan de atención hospitalaria
"Hoxe levántome despois de 10 días de covid".
"Dende o domingo que din positivo, é hoxe a primeira vez que saio á rúa", contan dous doentes.
A covid segue presente nas nosas vidas e espállase como pompiñas de xabrón. Segundo o último informe do Centro Nacional de Epidemioloxía, a incidencia estimada pasou dos 33 casos por cen mil habitantes de hai dúas semanas a case 75.
"Durante as tres últimas semanas máis ou menos si se viu unha pequena repunta na incidencia de casos, que na última semana xa se está estabilizando", apunta Juan Vázquez, facultativo especialista en Medicina e Saúde Pública do CHUS.
Con todo, soen ser casos leves.
"Non temos ningún tipo de hospitalización en unidades de críticos, si existen casos ingresados de Covid basicamente para a administración de fármacos", informa o médico.
Ao non haber casos graves, de moitos deles non hai constancia, porque non acoden ao médico. Si que se nota un aumento de venda de tests en farmacias. Están caendo familias enteiras.
"Na miña familia tivémolo todos, os cinco", comenta unha señora.
Os síntomas ben se poden confundir cunha catarreira e mesmo cunha alerxia, aínda que hai a quen a enfermidade lle causa moita febre.
"Eu botei 10 días na cama con 39 de febre".
"Febre, moito cansazo, si, estiven mal", relatan dous homes.
"En caso que diagnostiquemos Covid a través dun test que nós poidamos comprar nunha farmacia, pois vixiar un pouquiño a evolución, sobre todo nos primeiros días. En caso que teñamos dificultades respiratorias, entón acudir sobre todo e en primeiro lugar sempre ao noso centro de saúde, e o noso médico de familia valorará a necesidade de derivarnos a un servizo de urxencias hospitalarias ou non", aconsella o facultativo.