Aumentan os casos de diabetes tipo 1, que afecta principalmente a nenos e mozos
Aumentan os casos de diabetes tipo 1, que afecta principalmente a nenos e mozos
Un 15 % da poboación española padece diabetes
A tecnoloxía sanitaria grande aliada nos tratamentos e a esperanza a investigación con células nai
Este domingo celébrase o Día Mundial da Diabetes, unha enfermidade crónica que afecta ao 15% da poboación española. Uns hábitos de vida saudable preveñen a aparición da diabetes tipo 2, a máis común. A tipo 1 é de carácter auto inmune e ten un manexo máis complicado. Os avances nos tratamentos e a tecnoloxía melloraron enormemente a calidade de vida dos pacientes e hai en marcha investigacións con células nai na procura dunha curación.
Unicamente representa o 10% dos casos totais. A diabetes tipo 1 é a gran descoñecida, pero o seu impacto nos pacientes e nas familias é enorme.
Na diabetes tipo 1 o sistema inmune ataca e destrúe as células pancreáticas produtoras de insulina. Non se pode previr a aparición da enfermidade e tampouco se coñecen as causas que a provocan. As persoas diagnosticadas, normalmente nenos e mozos, deben manter baixo control os niveis de azucre no sangue. Xa hai tecnoloxía que integra nun mesmo dispositivo a bomba de insulina e os sensores de glicosa.
Actualmente a tecnoloxía é a gran aliada nos tratamentos e, no futuro, as células nai poderían selo na curación.
É un novo horizonte de esperanza para os pacientes dunha doenza crónica que, se non se controla axeitadamente, pode causar perda de visión, insuficiencia renal ou patoloxías cardiovasculares.