Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aumento das taxas á importación de vehículos da China e cumprimento español cos fondos europeos, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Aumento das taxas á importación de vehículos da China e cumprimento español cos fondos europeos, por Maite Cancelo

G24.gal 13/06/2024 09:02

Hoxe temos dous temas importantes, aparentemente non conexos pero que poden ter efectos sobre a nosa economía

Aumento das taxas europeas á importación de vehículos eléctricos chineses.

Por unha banda, temos a investigación europea sobre as subvencións estatais á produción de vehículos eléctricos concedidas polo goberno chinés (transferencia directa de fondos, condonación ou non pagamento de impostos e, mesmo, a subministración de bens ou servizos por parte do sector público por unha contía inferior á de mercado), que mostran unha práctica comercial desleal nun mercado que este país pretende controlar. Os Estados Unidos foron os primeiros en contestar estas prácticas elevando os aranceis á importación destes bens ao 100 %, o cal os está abocando a unha guerra comercial co país asiático.

En Europa, fálase de subir do 10 % ao 25 % os aranceis, ou trabas, a estas importacións, aínda que é certo que a cifra final aínda non está fixada e establecerase en novembro, a partir dunha negociación entre os estados membros da unión e os propios fabricantes chineses. De feito, non todos os países teñen a mesma opinión sobre este asunto xa que algúns como Alemaña ou Suecia, cunha elevada venda cara a este país asiático, temen posibles represalias, como o aumento dos aranceis das importacións xermanas en China, polo que suxiren un incremento, como máximo, ao 15 % das trabas europeas.

En calquera caso, hai analistas que apuntan ao problema que pode supoñer un posible freo das exportacións chinesas cara a Europa de minerais claves para a transición verde ou o incremento, por parte do país asiático, dos aranceis á importación de bens europeos como os produtos lácteos, vehículos de gran cilindrada, carne de porco ou o coñac. Ademais, a menor entrada de vehículos importados da China, aínda que favorecería á industria europea non teño tan claro que o consumidor tamén se vería beneficiado.

Por outra banda, temos a noticia da conxelación por parte de Bruxelas do pago de 158 millóns do Plan de Recuperación.

España é un dos países máis beneficiados nos plans de recuperación aprobados por Europa para saír da pandemia, deseñados para a transformación das nosas economías e a creación de novas oportunidades.

Con todo, non é a primeira vez que lemos noticias sobre os atrasos e incumprimentos do goberno de España na execución de fondos europeos, e acaba de saltar un novo tema sobre as axudas para a contratación de perfís formados en transformación dixital que impulsen a dixitalización das PEMES. España, para recibir os 158 millóns orzados, debe responder, nun mes, explicando as medidas que se estableceron para cumprir co compromiso con Europa, ou, do contraio, perderiamos ese financiamento tan importante para apoiar as nosas empresas ante os novos retos tecnolóxicos.

E como dicía ao principio, dúas noticias, aparentemente inconexas pero que poden afectar o noso crecemento económico. Por unha banda, polos efectos beneficiosos, pero tamén perversos, das restricións ao comercio coa China (medida apoiada polo goberno español) e polos atrasos, continuos, na execución por parte do noso goberno dos fondos asignados por Europa para España nos Plans de Recuperación, que de non executarse (ou xustificarse) minguarán as nosas perspectivas económicas para os próximos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade