Automedicación responsable: a gripe non se combate con antibióticos, trátase con antitérmicos
Automedicación responsable: a gripe non se combate con antibióticos, trátase con antitérmicos
Alberto Fernández Villas, xefe de Pneumoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, explica como se debe actuar ante a gripe
A automedicación responsable é unha boa medida para combater adecuadamente a gripe en situacións epidémicas como a que está endo lugar estes días. A non ser que haxa complicacións, os antitérmicos abondan para tratar as molestias que causa o virus, os antibióticos son totalmente innecesarios.
"O paciente moitas veces tomouno o segundo ou terceiro día do cadro infeccioso e empeza a mellorar, pero é unha coincidencia: a evolución normal dos procesos víricos coincide coa toma do antibiótico, porque normalmente non o toma o primeiro día, senón o segundo ou terceiro que ten febre", explica Alberto Fernández Villas, xefe de Pneumoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A toma de antibióticos non achega nada a unha infección vírica como a gripe e se pode poñelo en risco xa que posiblemente seleccionen bacterias que se van facer resistentes.
"Non é infrecuente, e coa gripe están moi descritas, as infeccións bacterianas posgripais que poden ser moito máis graves se usamos inadecuadamente un antibiótico", recalca.
Ante un cadro febril ou respiratorio, está permitido autodiagnosticarse con algún dos tests rápidos que venden nas farmacias, para despois automedicarse a doses razoables con antitérmicos como o paracetamol ou ibuprofeno.
Os remedios da avoa tampouco están de máis: "Sobre todo nesta situación especial de presión sanitaria que hai sobre os servizos de urxencias, os PAC, os centros de saúde e os hospitais", afirma Alberto Fernández Villas.
Só se é unha persoa vulnerable ou ante a sensación de falta de aire, unha dor pleurítica ou febre máis alá dos 3 días debe consultar un médico. De non ser o caso, lembre que a gripe dura unha semana con medicinas e 7 días sen medicación.