Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carme Durán: "Aumentaron as consultas por gripe, pero non hai sinais de alerta"

Carme Durán: "Aumentaron as consultas por gripe, pero non hai sinais de alerta"

A directora xeral de Saúde Pública asegura que "son mellorables" as cifras de vacinación entre as mulleres embarazadas e os profesionais sanitarios

Sanidade prolonga ata o 31 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe

 

G24.gal 13/01/2025 10:39

O sistema sanitario galego prepárase para que comece, dentro dunha semana, o pico de gripe. A directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán, asegurou no Bos días da TVG que "neste momento estamos nunha incidencia baixa, pero cunha tendencia crecente".

Durán explicou que Sanidade decidiu ampliar a campaña de vacinación contra a gripe ata finais de mes co obxectivo de que "o número de consultas sexa o máis contido posible".

"Neste momento a situación é contida en Galicia; estanse incrementando as consultas e a atención a nivel hospitalario, pero sen ningún sinal de alerta".

A directora xeral de Saúde Pública afirma que o Sergas pretende ampliar as cifras de cobertura de vacinación a máis sectores da poboación. Segundo dixo, a cobertura está sendo boa entre as persoas maiores e os menores de 5 anos, pero as cifras son "mellorables" entre as mulleres embarazadas e os profesionais sanitarios.

Aqueles que desexen pedir cita para vacinárense poden acudir aos centros de atención primaria ou solicitala a través da aplicación de Sergas Móbil.

Ademais, por vez primeira, o Sergas conta cunha rede de 70 farmacias sentinela que informan semanalmente a Xunta do volume de medicamentos antigripais sen receita e tests de antíxenos que dispensan.

Esta información, combinada cos datos de asistencia sanitaria en Atención Primaria e nas urxencias hospitalarias, permiten á Xunta anticipar con 15 días a evolución da gripe en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade