Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avanza o control dos incendios dos Ánxeles, que deixan polo menos once persoas falecidas

Avanza o control dos incendios dos Ánxeles, que deixan polo menos once persoas falecidas

Catro días despois de iniciárense os lumes, o nivel de destrución que alcanzou a cidade das estrelas supera as 12.000 edificacións

A xefa do Departamento de Bombeiros asegura que houbo un recorte millonario que afectou á súa capacidade de acción

Os bombeiros actúan nun edificio comercial de Eaton calcinado. REUTERS/Fred Greaves
G24.gal 11/01/2025 08:21 Última actualización 11/01/2025 15:16

Os bombeiros dos Ánxeles lograron avanzar no control dos incendios, que non dan tregua, e ata o momento deixaron unha contaxe de once vítimas mortais, unha cifra que podería aumentar unha vez que os equipos de rescate poidan comezar a buscar entre os entullos.

Catro días despois de iniciárense os incendios, o nivel de destrución que alcanzou a cidade das estrelas supera as 12.000 edificacións e o último informe de AccuWeather aumentou a estimación dos danos totais e das perdas económicas de 135.000 a 150.000 millóns de dólares.

Más de 150.000 persoas continúan baixo orde de evacuación, e o incendio de Palisades, un dos focos activos máis letais, seguiu crecendo durante a tarde do venres xerando novas ordes de retirada e un índice baixo de contención.

Falta de recursos

Nas rúas, algunhas persoas afectadas comezan a culpar as autoridades da desgraza que os arrasa, e a alcaldesa do condado, Karen Bass, afronta críticas cada vez máis duras sobre o orzamento destinado ao Departamento de Bombeiros dos Ánxeles (LAFD).

Kristin Crowley, a xefa do LAFD, declarou este venres a Fox que un recorte millonario no orzamento para os bombeiros afectara gravemente a capacidade de combater os lumes.

A funcionaria destacou que, aínda que se realizaron esforzos para lidar coa crise, a falta de persoal e recursos, como a eliminación de postos civís, impactou negativamente na súa capacidade operativa, incluíndo a reparación de equipos.

Mentres tanto, o gobernador de California, Gavin Newsom, solicitou unha investigación independente sobre a perda de presión de auga nos hidrantes e a suposta falta de subministración do encoro de Santa Ynez, no condado Santa Bárbara, que afectou o incendio de Palisades.

Propiedades queimadas en Pacific Palisades. REUTERS/Daniel Cole Propiedades queimadas en Pacific Palisades. REUTERS/Daniel Cole

Axuda de fóra

Este venres chegou a axuda desde outros condados e estados veciños como Arizona e mesmo o apoio de Canadá. Ademais, o goberno de México comprometeuse a enviará "74 elementos de técnicos especializados no combate ao lume e de protección civil", segundo un comunicado.

O incendio Kenneth, que comezou na tarde do xoves preto da cidade de Calabasas (na fronteira do condado dos Ánxeles e Ventura) e se expandiu rapidamente por 425 hectáreas, conteuse nun 50 %, o de Hurst nun 70 % e o de Lida nun 98 %.

As persoas afectadas tentaron regresar aos seus barrios para coñecer o estado das súas pertenzas pero algunhas áreas afectadas polos dous focos máis letais, Palisades e Eaton, foron restrinxidas e só permiten a entrada aos bombeiros, o persoal que atende as emerxencias e membros da prensa.

Fume preto de Santa Mónica este venres. REUTERS/Carlos Barira Fume preto de Santa Mónica este venres. REUTERS/Carlos Barira

Toque de queda

Ademais o alguacil do condado dos Ánxeles, Robert Luna, puxo en marcha a pasada noite un toque de queda que está en vigor desde as 18:00 horas ata as 6:00 da mañá hora local como parte dos esforzos para deter os saqueos.

Polo menos 18 persoas foron arrestadas por saqueos nas áreas devastadas polos incendios, 15 na área do incendio Eaton, que continúa ardendo pero que tivo un pequeno progreso de contención do 3 %.

Malia os avances na contención das lapas, aínda queda un longo camiño por percorrer, especialmente na procura de vítimas mortais e atender ás persoas que o perderon todo. As autoridades temen que os ventos que avivaron estes incendios regresen o luns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade