Aviso amarelo en Ourense e interior de Lugo por treboadas
Aviso amarelo en Ourense e interior de Lugo por treboadas
O aviso sobe a laranxa na zona da montaña luguesa, onde podería caer pedrazo
Os avisos por trebóns continúan este mércores. Hai xa activado un amarelo na montaña e na zona de Valdeorras, na provincia de Ourense, e no centro e no sur da de Lugo. A peor parte lévaa a montaña de Lugo, onde o aviso sobe a laranxa con risco de pedrazo que podería acadar un tamaño de dous centímetros. Na xornada do xoves Ourense aínda continúa en aviso amarelo. O risco de sarabiadas segue a ser elevado, a consecuencia da borrasca de verán que está agora moi preto de Galicia.
"Está todo revolto. Uns días chove, outros vai frío, outros néboa. Non hai quen o suxeite", comenta unha veciña de Rábade.
O verán non acaba de asentar. Así o ven os cidadáns.
"Temos que adaptarnos. Levar o paraugas, a chaqueta e as lentes de sol. Todo xunto". "Levo unha temporada que saio da casa cunha camiseta e por se acaso tamén cunha chaqueta de augas e o paraugas". "O malo é para os que están nas praias e de vacacións. Para min está ben".
Toda a provincia de Ourense e a de Lugo, excepto A Mariña, están este mércores en aviso por treboadas.
"Primeiro frío, logo chove, logo quenta o sol... o verán en Galicia é así". "É o que toca. Se estiveramos en Andalucía sería noticia, pero aquí...".
Hai quen opina que non sempre o verán foi tan inestable.
"Antes non era así. Chegaba o mes de maio e había un tempo marabilloso". "Mira a que día estamos de verán e, con todo, hai ameaza de tormentas".
Aviso amarelo para o interior que na zona da montaña de Lugo sobe a laranxa con risco de que haxa sarabiadas. Precaución na montaña, porque o tamaño das pedras podería achegarse aos dous centímetros.