A AXEGA recomenda extremar as precaucións sobre todo nas estradas
A AXEGA recomenda extremar as precaucións sobre todo nas estradas
Segundo as previsións meteorolóxicas, a borrasca vai aumentar a súa virulencia nas vindeiras horas
Dende a media tarde do venres ata as seis da mañá do sábado, rexistráronse en Galicia 109 incidencias pola chegada da borrasca Domingos.
Segundo informa José Antonio Argibay, técnico do grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, a maioría están relacionadas co vento, pola caída de árbores e pólas, cos desprendementos nas estradas e coa acumulación de auga.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG asegura que os peores momentos da borrasca se agardan nas vindeiras horas polo que pide prestar especial atención á circulación viaria e a pé.
Subliña que a situación está a ser especialmente complicada na zona costeira e nos concellos altos do interior e que se está a "monitorizar toda a realidade" para poder reaccionar ante calquera imprevisto.
Do mesmo xeito, estase a prestar unha especial atención ao leito dos ríos que están a recibir unha gran cantidade de auga. As concas de Galicia-Costa son agora mesmo as que máis preocupan.
Como principal recomendación, Argibay aconsella quedar na casa sempre que sexa posible, retirar obxectos que poidan desprenderse e moito "sentido común".