Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reprodución asistida e axudas para mascotas: Rueda avanza nas promesas electorais

Reprodución asistida e axudas para mascotas: Rueda avanza nas promesas electorais

A Xunta aproba novo plan de prevención de incendios ata 2025 con 41 millóns de euros

Reunión do Consello da Xunta celebrada no Pazo de Raxoi (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 15/04/2024 14:15 Última actualización 15/04/2024 18:52

Varios dos compromisos asumidos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como candidato do PPdeG na campaña electoral do 18 de febreiro, foron ratificados na primeira reunión que tivo o novo Executivo tras tomaren posesión os conselleiros e conselleiras no Pazo de Raxoi.

Entre eles, Rueda anunciou que se acordou aprobar as axudas para persoas que adopten un animal doméstico en centros de recollida autorizados, co obxectivo de chegar ao milleiro de beneficiarios, aínda que se fose necesario a convocatoria ampliaríase, así como o crédito dispoñible.

As axudas serán para os primeiros gastos veterinarios e de identificación e variarán segundo se adopte un can (150 euros) ou un gato (125 euros). Cada persoa poderá ser beneficiaria de dúas axudas como máximo e buscaranse garantías de que os adoptantes teñen interese en coidar e convivir co animal doméstico en cuestión "toda a súa vida".

Os novos incentivos para a adopción de mascotas contarán cunha dotación orzamentaria de 125.000 euros para este ano. O presidente incidiu en que só poderán acollerse a estas novas axudas aqueles cidadáns que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados e rexistrados no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos e sempre que esta teña lugar desde a entrada en vigor da orde e antes de 30 de setembro de 2024.

Pero Rueda tamén avanzou o impulso, en materia de sanidade, das unidades e os medios para ampliar o acceso á reprodución asistida

Investiranse preto de 1,4 millóns de euros para renovar o equipamento das tres unidades de reprodución asistida coas que conta a Sanidade Pública galega, en Vigo, Santiago e A Coruña, para incrementar a capacidade dos centros e que poidan atender os compromisos anunciados: conxelar óvulos, elevar a idade das mulleres atendidas ou permitir ter un segundo fillo a través destas unidades.

Estas melloras enmárcanse na aposta do Executivo autonómico por "ampliar e mellorar os servizos" que ofrecen estas unidades para chegar "a máis mulleres". Nesta liña, o presidente lembrou o seu compromiso de que a Xunta "vai ampliar ata os 45 anos" a idade máxima para poder someterse a un tratamento deste tipo e "permitirá que as mulleres poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública sen necesidade de ter unha patoloxía previa".

Dos máis de 1,3 millóns de euros que se van a investir nas unidades de reprodución do Sergas, 559.020 euros destinaranse á renovación de seis ecógrafos que contribúen a mellorar o prognóstico e o seguimento de estudos ecográficos.

Ademais investiranse 755.645 euros para adquirir tres incubadoras tri-gas (con concentracións de osíxeno similares ás do útero das mulleres), tres tanques de conxelación e incorpora, por primeira vez, tres incubadoras estafe-lapse que contan cunha cámara para evitar extraer os embrións para ser analizados.

Rueda remarcou que os orzamentos da Xunta reservan 257.730 euros para dotar as tres unidades de reprodución asistida dunha plataforma informática común de traballo que evita o risco de erros humanos no manexo de material biolóxico.

Ademais ratificou o plan de prevención de incendios forestais, que estará en vigor ata marzo de 2025.

Nesta conxuntura, destacou Alfonso Rueda o cumprimento doutro compromiso selado na campaña: a ampliación de contratos de persoal laboral do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de dous a tres trimestres ao ano, estendéndose xa a 7 meses nesta campaña, e incorporándose ao servizo desde este martes.

O plan de prevención terá unha dotación de 41 millóns de euros, un 6 % máis que o actual, para incrementar tanto o persoal como o equipamento.

Segundo explicou o presidente da Xunta o obxectivo é "traballar na prevención e conservación do monte en boas condicións para evitar que se produzan incendios", para o que se actuará en máis de 60.000 hectáreas, 5.300 quilómetros de pistas forestais, e case 5.000 puntos de auga.

Entre as novidades deste plan figura a de reforzar as tarefas de prevención na zona da fronteira con Portugal, cunha incidencia alta de lumes, a través de labores de coordinación para evitar que os incendios do outro lado se trasladen a Galicia, así como favorecer o pastoreo de gando nos montes para o labor de roza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade