Axuste fiscal en España e citas electorais, por Maite Cancelo
Axuste fiscal en España e citas electorais, por Maite Cancelo
A Comisión Europea estima un axuste duns 9.000 millóns de euros no seu saldo estrutural
O Pacto de Estabilidade e Crecemento da UE asinouse por acordo dos países membros para manter a estabilidade da Unión Económica e Monetaria. Baseado no Tratado de Funcionamento da UE (TFUE), adóptase para asegurar a continuación da disciplina fiscal ou criterios de converxencia que os países candidatos a entrar na UE debían cumprir.
Coa chegada da pandemia da COVID-19 en marzo de 2020 e das súas consecuencias económicas, a Comisión Europea suspendeu esas normas que limitaban o déficit e a débeda pública co obxectivo claro de paliar o impacto da crise no crecemento europeo.
Esa suspensión das normas mantense ata o 2024, pola incerteza económica e a desaceleración provocada pola invasión rusa en Ucraína, pero a Comisión Europea, dada a melloría dos resultados económicos máis recentes, está a pedir prudencia aos países europeos máis endebedados, xa que os riscos persisten.
Así, no pasado mes de abril acórdase unha reforma destas normas fiscais, con reducións da débeda pública a medida para os países membros e catro anos para conseguir os obxectivos concretos, que aínda están a negociarse.
En calquera caso, a Comisión Europea cre que o déficit público de España baixará ao 4,1 % do PIB no 2023 e ao 3,3 % no 2024, polo cal estaría por riba do límite fixado polas regras orzamentarias que volverán aplicarse no próximo ano.
Desta forma, aumenta a presión europea sobre o goberno español, sobre todo para eliminar as medidas anticrise adoptadas e ser moderado nas decisións con relación ao gasto público. España ten que empezar a aforrar e controlar o seu déficit público.
De feito, a Comisión Europea estima un axuste duns 9.000 millóns de euros no seu saldo estrutural, o cal se fixa a partir das decisións económicas dos gobernos e non en función da evolución do ciclo económico, ou o que é o mesmo, da evolución do PIB. Ademais, en Bruxelas lémbrase que hai obstáculos engadidos, relacionados coa evolución dos tipos de xuro, o aumento do gasto sanitario e, sobre todo, as pensións.
Dentro destas medidas anticrise atoparíanse a rebaixa do IVE dos alimentos, a bonificación ao combustible actualmente só aplicable aos profesionais do sector, as axudas ás empresas intensivas do gas, os descontos ao transporte público ou o cheque para vulnerables, medidas que a Autoridade Fiscal (AIREF) estima en 14.000 millóns de euros só no 2023 e moita das cales, lembremos, non están a ter o efecto desexado sobre a inflación como, por exemplo, o impacto da redución do IVE sobre algúns produtos básicos.
Para rematar. Neste contexto, e cun intenso ano electoral, con promesas que incrementan cada vez máis os compromisos de gasto do país, o que non podemos dubidar é que Europa estará coa lupa sobre as nosas contas e que o Goberno terá que acordar, antes da seguinte cita electoral deste verán, a supresión dalgunhas das medidas adoptadas, o cal pode ter certo custo político, polo que se pode caer na tentación de atrasalas ao máximo, aínda que, finalmente, sexan inevitables e, todo iso, nunha contorna que mantén incertezas e riscos sobre o noso crecemento económico e, por tanto, sobre os nosos compromisos con Europa.