Acordo para reducir o número de estudantes por aula e o horario lectivo
Acordo para reducir o número de estudantes por aula e o horario lectivo
Os cambios implantaranse de xeito progresivo nos distintos niveis de educación non universitaria
O acordo contou coa sinatura da Xunta e de tres sindicatos do ensino, pero foi rexeitado pola CIG
A redución do número de alumnos por aula é unha vella reivindicación do profesorado en Galicia e no conxunto do Estado. Cantos menos alumnos, maior atención personalizada e, en teoría, mellor calidade para profesores e estudantes.
A Xunta e tres sindicatos chegaron a un pacto nesa liña que se aplicará en centros públicos e concertados. Os actores implicados considérano un paso adiante significativo na mellora das condicións educativas.
"A 'ratio' pasa de 25 a 20 en educación infantil e primaria, de 30 a 25 en educación secundaria obrigatoria e de 33 a 30 no bacharelato. Imos implantala xa no próximo curso en educación infantil de xeito progresivo", explica Xesús Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación.
É obvio que a baixada da natalidade contribuirá tamén a esa diminución de escolares por aula. Ademais, os alumnos con discapacidade ou dependencia contarán por dous. Pero o acordo non acaba aí, xa que inclúe outros aspectos, comezando polos horarios laborais.
"Redución do horario lectivo do profesorado de infantil e primaria que posa de 25 a 23 horas, mellora na atención á diversidade. Galicia pasa a ser a quinta comunidade autónoma en melloras retributivas do profesorado a nivel nacional e distanciándonos moito das outras comunidades que están por debaixo de nós", sinala Álvarez Bértolo,
Outras melloras supoñen a posibilidade de realizar xuntanzas telemáticas dos órganos reitores de cada centro e atinxen tamén ás axudas á formación. Este acordo foi asinado polos sindicatos CC. OO., ANPE e UXT e descolgouse del a CIG por consideralo insuficiente.