Baltar descarta optar á sucesión de Feijóo e apoia unha vía de "unidade" encabezada por Rueda
Baltar descarta optar á sucesión de Feijóo e apoia unha vía de "unidade" encabezada por Rueda
"Bicefalias mellor non; se se poden evitar, mellor", di o líder do PPdeG en Ourense
O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, urxiu un congreso extraordinario que, "canto antes", peche a situación de interinidade en que está o PPdeG. El asegura que non ten interese en presentarse e rexeita unha bicefalia entre Xunta e partido, á vez que defende unha vía de "unidade" encabezada polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
Nunha entrevista con Europa Press, no medio das conversacións e negociacións que, con maior intensidade, están a rexistrarse nos últimos días, entre os dirixentes do PP galego, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, Baltar manifestou a súa convicción de que a situación de interinidade no PPdeG "debe resolverse o máis rápido posible" na súa dobre vertente institucional e orgánica.
Neste sentido, esgrimiu que "o previsible", porque o PPdeG é "un partido marcado pola palabra unidade", é que o vicepresidente primeiro "tome posesión como presidente da Xunta". Aínda que en declaracións previas fora máis ambiguo, nesta ocasión o líder ourensán defendeu que ve o seu homólogo pontevedrés como o "máis preparado" para asumir o reto de suceder a Feijóo.
E argumentou a súa posición desde varios puntos de vista. Rueda, salientou, "pertence profesionalmente ao mundo da Administración" e "estivo con Feijóo de xeito conxunto desde o principio". Ademais, resaltou a importancia de que remude o dos Peares na Xunta "alguén que forme parte xa da dinámica do Goberno e que chegue aprendido".
En paralelo, defendeu unha vía de "unidade" para o partido encabezada, a poder ser, polo mesmo dirixente que suceda a Feijóo á fronte da Xunta. "A miña aposta é clara: un congreso canto antes e que non haxa bicefalia. As bicefalias mellor non; se se poden evitar, mellor", sentenciou.
Baltar, que non quixo exercer de "portavoz" dos seus compañeiros e líderes provinciais do PP en Lugo e A Coruña, tras ser preguntado por se cre que a súa aposta é compartida, avogou porque o PP lance "unha mensaxe de unidade a Galicia". E insistiu en que é preciso "facelo canto antes" para que "Galicia se dea de conta" de que os populares "non perden o tempo".