O Leyma manda no primeiro cuarto do Palau, pero acaba perdendo con claridade (106-80)
O Leyma manda no primeiro cuarto do Palau, pero acaba perdendo con claridade (106-80)
Os coruñeses tiveron rendas de ata 10 puntos no primeiro parcial
Todo mudou tras o descanso, cun 10-0 de saída que resultou decisivo
O Leyma Coruña non puido dar a sorpresa na súa primeira visita da historia ao Palau Blaugrana, onde comezou ben, pero acabou cedendo ao empuxe local.
O comezo do cadro coruñés resultou inmellorable. Con moita actividade defensiva e acerto no lanzamento. Pronto colleu unha vantaxe (10-17) e chegou a ter unha máxima diferenza de dez puntos (16-26). O tino de Phil Scrubb (7 puntos) e Goran Huskic permitían mandar no Palau. O Barcelona foi recuperando conforme pasaban os minutos demostrando a profundidade do seu banco. Primeiro o bo traballo de Núñez ou Brizuela permitíronlle igualar o partido (31-31) e logo o acerto de Punter e Parker fixeron que o Barcelona se fose ao descanso cunha máxima vantaxe de seis puntos (48-42).
Á volta dos vestiarios, o panorama mudou totalmente. Un parcial de saída de 10-0 deulles tranquilidade aos locais, que xa non lles deron opción aos coruñeses de volverse meter no partido. De feito, o terceiro cuarto remataba con esa mesma vantaxe de 16 puntos.
No último cuarto, o Barça limitouse a conservar e mesmo ampliar a renda, con Metu encabezando a anotación con 10 puntos. Ao final o resultado foi de 106-80, con 15 puntos de Metu e de Parker. No equipo coruñés, que euda con 2 vitorias, destacaron os 14 puntos de Scrubb, e os 12 de Burjanadze e de Taylor.