Barrabés admite que se reuniu unha vez a soas con Pedro Sánchez na Moncloa
Barrabés admite que se reuniu unha vez a soas con Pedro Sánchez na Moncloa
Confirma que mantivo dúas xuntanzas con Begoña Gómez: unha na residencia oficial e outra na súa oficina
As acusacións populares din que hai indicios dabondo para abrirlle xuízo oral
Juan Carlos Barrabés é o investigado sobre o que xira a causa de Begoña Gómez.
As súas empresas recibiron contratos millonarios a través de licitacións públicas.
Para o PP, foron claves as "cartas de recomendación asinadas por Begoña Gómez". A vicesecretaria popular, Esther Muñoz pregúntalle ao xefe do executivo por qué non responde as preguntas "se non ten nada que agochar".
Este xoves, o xuíz volveu interrogar a Barrabés, xa en calidade de imputado e non como testemuña, como fixera a mediados de xullo. Por motivos de saúde, a declaración volveu realizarse por videoconferencia. Durou menos dunha hora. Só respondeu as preguntas do seu avogado.
Confirma que se reuniu con Begoña Gómez na Moncloa para falar do seu máster. E asegura que só se viu con Pedro Sánchez a soas unha vez na residencia oficial, pero enmarca ese encontro nunha rolda con expertos en innovación.
As acusacións populares creen que hai caso. Sosteñen que os indicios que ten enriba da mesa o xuíz son "dabondo para abrirlles xuízo oral". E responden ás palabras que lles dedicou onte Pedro Sánchez na súa conferencia de prensa de balance do curso político.
Ao xefe do Executivo pareceulle "patético" o comportamento das asociacións de ultradereita querendo entrar na residencia oficial. Contestoulle o avogado de Hazte Oír. José María Pérez Roldán cualifica de "patético" que diga que quere colaborar coa xustiza e logo "non o faga" e patético "é que sostendo que non hai causa, se neguen a declarar sempre tanto el coma a súa muller".
Este caso seguirá en mans do xuíz Peinado ata que se resolva a querela por prevaricación presentada por Pedro Sánchez. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid rexistrouna e designou o maxistrado que a vai ver. Resolverase a partir de setembro.