Belarús ameaza con cortarlle o gas a Europa se Bruxelas a sanciona pola crise dos refuxiados
Belarús ameaza con cortarlle o gas a Europa se Bruxelas a sanciona pola crise dos refuxiados
Máis de 4.000 migrantes agardan na fronteira con Polonia para entraren no espazo comunitario
Lukashenko quéixase de que están quentando Europa e que por riba os ameazan con pechar a fronteira, e pregúntase que pasaría se pechasen eles a subministración de gas ruso.
Estarían así restrinxido a entrada á unión de ata 33.000 millóns de metros cúbicos anuais, que é a capacidade do gasoduto que pasa polo seu territorio.
A ameaza de Lukashenko chega nun momento complicado para Europa, tendo en conta que se enfronta á peor crise enerxética en décadas e que Rusia é o principal provedor de combustible do continente.
De momento Bruxelas non dá marcha atrás e está considerando sancionar a Belarús pola crise de refuxiados. Máis de 4.000 migrantes agardan para atravesar a fronteira con Polonia e entraren en espazo comunitario.
O rearme da zona vai en aumento. Agora é o Goberno ucraíno o que enviou 8.500 militares á súa fronteira con Belarús, supostamente en previsión tamén dun fluxo migratorio. Os Estados Unidos amosáronse preocupados pola actividade militar de Rusia preto deste país e advertiron de que vixiarán calquera acción agresiva.
Lukashenko dixo que lle pedira a Putin que se sumase á vixilancia da fronteira con bombardeiros nucleares. O Kremlin divulgou as imaxes dos avións. O presidente belaruso tamén di controlar movementos de tropas da OTAN e de Polonia.
No Consello de Seguridade das Nacións Unidas, as delegacións dos países occidentais asinaron unha declaración conxunta que condena a instrumentalización orquestrada de seres humanos postos en perigo con fins políticos por Belarús.